Este luns, 5 de outubro, asinouse a acta de replanteo que permitirá comezar coas obras para rehabilitar a edificación localizada na Praza de España, nº23 onde estaba a coñecida como Academia, como nova Casa Consistorial.
O Concello de Chantada levaba dous anos traballando na busca de axudas e na redacción do proxecto para darlle utilidade a esta edificación que adquirira na zona vella ao carón da casa consistorial, para ampliar e reestruturar estas dependencias municipais e dotalas de accesibilidade.
Neste ano concretouse unha axuda da Xunta por importe de 500.000€ que favorece a execución da obra cun orzamento de licitación de 1.266.546,13€. O proxecto, que conta cos informes favorables da CHMS e co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, ao estar no casco antigo, pasou ademais todos os filtros de contratación que corresponden a un proxecto de máis de 1.000.000€. Para a adxudicación seguiuse un procedemento aberto ao que se presentaron 8 empresas, resultando adxudicataria, Misturas, Obras e Proxectos S.A.
As obras, que darán comezo na vindeira semana, teñen un prazo de execución de 12 meses. Para a rehabilitación conservaranse as fachadas renovando toda a estrutura para facer varias plantas, utilizando teitos de madeira. Contarase cun patio interior acristalado e de madeira para conseguir luz natural e crear un espazo de traballo con presenza de vexetación.

Este novo edificio albergará o salón de plenos que agora se localiza na Casa da Cultura, posibilitando que a esta instalación se lle dean novos usos; e trasladaranse aquí distintas oficinas do concello ofrecendo dependencias accesibles para a cidadanía.
Co comezo das obras, a vindeira semana, non se permitirá o acceso e estacionamento na Praza de España, no Cantón e diante da Casa Consistorial con accesos puntuais para as persoas que residen na zona.

