A Vicepresidencia da Deputación fomenta a inclusión de teatro afeccionado nas axendas culturais dos concellos da provincia de Lugo. De cara á vindeira fin de semana están programadas varias propostas escénicas nos seguintes concellos do sur: Monforte, O Saviñao, Quiroga, Bóveda, Samos e Chantada.
AXENDA
A RATEIRA – Argalleiras Teatro
Venres 6 de novembro | 20 horas | Casa da Cultura (MONFORTE DE LEMOS)
Tipo de público: maiores de 10 anos.
SINOPSE
Tras cometerse un asasinato en Londres, o sarxento de policía Trotter preséntase nun pequeno hotel, afastado e illado pola neve, para avisar aos seus moradores de que un asasino está a piques de chegar co propósito de cometer un crime. Ninguén parece crer as palabras do axente, pero cando unha das hóspedes é asasinada, todos se alarman. De feito comezan a pensar que o asasino ou asasina se atopa entre eles. Dado o estraño comportamento dalgúns personaxes e a excentricidade doutros, semella que todos teñen algo que ocultar. A intriga e o misterio están servidos.
PAGA E CALA – Grupo de Teatro do Hospital
Sábado 7 de novembro | 18 horas | Auditorio Municipal (O SAVIÑAO)
Tipo de público: Todos os Públicos.
SINOPSE
Mentres un grupo de teatro está a facer un ensaio xeral, nas vésperas da estrea recibe unha notificación que anuncia unha catástrofe económica, o que pon en perigo a estrea da obra e o futuro do grupo. Unha chantaxe, que non será sinxela de resolver, unha serie de visitas inoportunas e un feixe de situacións cómicas, darán paso a un final, canto menos, desacougante.
INQUISÍTAME OUTRA VEZ – Lume escénico
Sábado 7 de novembro | 18 horas | Auditorio Municipal (QUIROGA)
Tipo de público: A partir dos 14 anos.
SINOPSE
Ao longo dos séculos pasamos por episodios moi escuros da nosa historia. A intención desta obra é reinventar un pouco esa historia, pasala pola peneira do humor para convertila noutra cousa. Din que na Galicia hai meigas. Haberá ou non, pero houbo quen se dedicou a ir detrás delas. A ineficacia, a torpeza e a inutilidade acompañaron sempre a eses cazadores de meigas. Este é un repaso humorístico á persecución ao diferente, ao que pensa ou actúa distinto, á falsa superioridade moral, aos inventos e aos bulos… Unha trama ambientada no pasado pero presente no presente.
O ENREDO – Faranduleiros de Bolmente
Sábado 7 de novembro | 19 horas | Casa da Cultura (BÓVEDA)
Tipo de público: Todos os Públicos.
SINOPSE
Á beira dun río atopábase Arlechino, desesperado pola súa mala sorte. No peor momento decidiu tirarse, foi entón cando apareceu unha meiga coa promesa de regalarlle a felicidade completa a cambio de poñer un anel máxico co que poder esquecer os problemas que o facían infeliz. Arlechino aceptou e de repente, esqueceuse de todo aquelo que lle transtornaba, sendo ese o comezo dos moitos enredos cos que terá que lidiar o protagonista ata poder desfacer os equívocos. Xunto a el participarán da trama o resto dos personaxes que nos farán sorrir ante os logros e as miserias do ser humán.
VERMELLO – Rebuldeira Teatro
Sábado 7 de novembro | 19 horas | Zona cuberta do Campo da Festa (SAMOS)
Tipo de público: Maiores de 16 anos.
SINOPSE
A cantidade de cor vermella que podemos ver nunha guerra marca o futuro das seguintes xeracións. O tempo, ás veces, é cíclico e todo o malo pode voltar. Temos medo. As vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco, e de xente coma nós, que non podia expresar libremente o seu amor por medo a ser perseguidos, mestúranse coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil. Neste contexto, a obra convértese nunha homenaxe ás voces silenciadas e a todas aquelas vidas marcadas pola represión e pola falta de liberdade. Unha peza que abrangue a risa e a morte, o lamento e a ledicia desde as que a nosa dramaturga dirixirá o espectáculo dende as táboas.
A REVOLUCIÓN, 1789… OU POR AÍ! – Teatreiras
Domingo 8 de novembro | 20 horas | Auditorio Municipal (CHANTADA)
Tipo de público: Todos os Públicos.
SINOPSE
Luis XVI, rei de Francia, abúrrese moitísimo xunto aos aristócratas na Gran Mesa do Poder. Por outro lado, están a burguesía e as demáis xentes do pobo, que fartos das humillacións e do desenfreno da realeza, que para nada teñen en conta o padecemento da maioría da poboación, deciden aliarse para expulsar á nobleza da Gran Mesa. Entón os burgueses pensan que chegou a súa hora, que cos bens e os cartos que posúen van dirixir o destino do país, mais a xente do pobo non está disposta a sustituír uns dirixentes déspotas por outros. Así as cousas, a burguesía decide pedir axuda ao exército representado pola figura dun xeneral xoven pero moi ambicioso, Napoleón. Este acode á chamada respetado e aclamado polo pobo. Os burgueses cren que acertaron coa elección, pero Napoleón sube en solitario á Gran Mesa con outra idea mellor: convertirse no emperador do mundo.

