Esta iniciativa está impulsada polo Concello de Monforte en colaboración coa entidade FORMAVIGO e ten por obxectivo fomentar hábitos saudables, promover o benestar persoal e favorecer a participación social e o intercambio de experiencias entre xeracións.
A programación inclúe un obradoiro de alimentación saudable, os días 16 e 18 de novembro; un de cosmética natural, os días 23, 25 e 30 de novembro; e un de arte floral interxeracional, os días 27 de novembro e 11 de decembro.
Todas as sesións desenvolveranse en horario de 16:30 a 20:30 horas no Espazo Gastronómico da Praza de Abastos de Monforte, e serán impartidas por monitoras especializadas.
As actividades están dirixidas preferentemente a persoas maiores de 55 anos, cun carácter interxeracional no caso do obradoiro de arte floral, que busca promover a participación conxunta de persoas maiores e menores ou adolescentes nun espazo de convivencia, aprendizaxe compartida e intercambio de experiencias.
O prazo de inscrición comezará o 4 de novembro de 2026, ás 09:00 horas, e permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición na Secretaría dos Servizos Sociais Municipais, situada no Paseo do Malecón, s/n, en horario de 09:00 a 14:00 horas. No caso de quedar prazas libres, poderán participar persoas que non cumpran o requisito de idade.
Con esta iniciativa, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade continúa impulsando actividades que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar hábitos de vida saudables e reforzar as relacións sociais, facendo especial fincapé na convivencia e na aprendizaxe entre xeracións.
O taller de alimentación saudable estará impartido por Estefanía Montes, dietista e cociñeira. A partir dos 55 anos a alimentación incide en como vives. Unha nutrición adaptada é a clave para o benestar integral: Saúde física (Protexe o corazón, fortalece ósos e músculos e prevén enfermidades) e Saúde mental (Alimenta a memoria, mellora o estado de ánimo e mantén a mente áxil e activa).
Estefanía Montes tamén impartirá o obradoiro de cosmética e limpeza natural para aprender a coidar e nutrir a pel e a saúde aforrando con ingredientes de proximidade.
O taller de arte floral ten por obxecto conectar xeracións no Nadal. Un espazo único onde maiores e novos unen mans e creatividade para darlle vida á maxia do Nadal e deseñar centros de mesas e coroas florais mentres se comparten historias e tradicións.

