Despois de celebrar con grande éxito o Samaín a pasada semana, o vindeiro sábado, 7 de novembro, o Concello de Pantón organiza un magosto popular no Pavillón Polideportivo Monte Baliño. Esta cita, xa tradicional na axenda da localidade, será as 18:00 horas e no festexo haberá, ademais de castañas asadas, unha pancetada e baile. A actividade, pensada para pasar en familia, está aberta a toda a veciñanza.

TEATRO AFECCIONADO
O domingo 8 de novembro ás 18:00 horas o salón de actos da Casa da Cultura de Pantón acollerá a obra de teatro afeccionado “A Vida é un Soño (ou case)”, da compañía Señor López Producións. Está indicada para público familiar a partir de 7 anos.
Sinopse
Un técnico de son chega ao teatro para preparar a función. O público xa está sentado. Pero hai un problema: non hai actores. Para evitar que a función se cancele, o técnico decide explicar a obra que se ía representar. Mentres proba micrófonos, luces e efectos, comeza a narrar a historia de Segismundo, un mozo preso desde neno sen saber por que. Pouco a pouco, o técnico deixa de contar a historia… e comeza a vivila. É un erro? É un soño? Ou o teatro ten máis poder do que pensamos?
Esta obra chega a Pantón denro dun ciclo promovido pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que leva montaxes teatrais de teatro Amador por toda a provincia.

