O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa veciñanza para explicar os pasos previstos para reparar a estrada, desde a solicitude de ofertas que se comprometeron a realizar as empresas madeireiras ata a supervisión dos traballos por parte da institución provincial.
“Esta vía sufriu importantes danos polo intenso tránsito dos camións empregados na retirada da madeira queimada nos incendios de 2022”, sinala o voceiro socialista. Neste sentido, destaca a importancia da reparación para os veciños e veciñas dos distintos núcleos aos que dá servizo e para todas as persoas que a utilizan nos seus desprazamentos.
Rubio explica que os prazos estarán condicionados polo tempo necesario para completar a contratación e pola meteoroloxía. Neste sentido, agarda que os traballos poidan comezar canto antes e permitan recuperar esta estrada canto antes.
O voceiro socialista reivindica o traballo realizado polo PSdeG para canalizar as demandas veciñais e procurar solucións. “Demostramos que desde a oposición tamén se poden conseguir grandes melloras na vida da cidadanía. O noso compromiso con A Pobra do Brollón é absoluto e seguiremos traballando para trasladar as necesidades da veciñanza ás administracións que correspondan e reclamar as actuacións que precisa o noso concello”, conclúe.

PSOE A Pobra do Brollón

