A torta premiada, bautizada como “A Galeguiña”, nace cunha idea moi clara: render homenaxe a Galicia a través dunha das sobremesas máis populares dos últimos anos. Elaborada artesanalmente con ingredientes de orixe galega, esta torta de queixo destaca pola súa textura cremosa, o seu sabor suave e a súa aposta pola calidade das materias primas. Con esta creación, Gemma & Naza quixo demostrar que é posible elaborar unha torta de queixo diferente, con identidade propia e estreitamente vinculada ao territorio.
“O resultado é unha receita que conseguiu destacar entre as propostas galegas presentadas ao campionato nacional e que agora ostenta o recoñecemento á Mellor Torta de Queixo de Galicia 2026”, explican dende Gemma & Naza Cheesecakes.
UN PREMIO QUE REFORZA A APOSTA POLO PRODUTO GALEGO
O premio supón un novo fito para a monfortina Gemma & Naza, marca que continúa apostando pola elaboración artesanal, a innovación en sabores e a calidade dos seus produtos. O recoñecemento de «A Galeguiña» reforza a aposta da empresa polo produto galego e consolida unha traxectoria de crecemento que comezou na Ribeira Sacra e que continúa expandíndose por Galicia. A Mellor Torta de Queixo de Galicia 2026 xa se atopa dispoñible na súa tenda propia de Vigo.
Ademais das súas xa recoñecidas tortas de queixo, Gemma & Naza elabora cookies recheas e brownies artesanais, ampliando a súa oferta e chegando tamén a clientes de fóra de Galicia mediante os seus envíos de produtos seleccionados.

UN PROXECTO NACIDO EN MONFORTE, NO CONCURSO SEMENTE RIBEIRA SACRA
A historia de Gemma & Naza Cheesecakes comezou en Monforte de Lemos, onde, tras meses de probas e desenvolvemento de receitas, naceu un proxecto especializado na elaboración artesanal de tortas de queixo.
En 2024, o proxecto recibiu o primeiro premio do concurso de emprendemento Semente Ribeira Sacra, un recoñecemento que supuxo un impulso para continuar desenvolvendo o negocio. Un ano despois, no 2025, acadou o distintivo Solete Repsol 2025, e en xuño de 2026, Gemma & Naza deu un novo paso na súa expansión coa apertura da súa primeira tenda propia en Vigo, no número 55 da rúa Elduayen. Actualmente, ademais do seu establecemento vigués, a marca conta con puntos de venda en localidades como A Coruña, Ourense, Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, levando as súas elaboracións a distintos recunchos de Galicia.

