HomeMedio ambiente e PatrimonioChantada, nove anos consecutivos obtendo "4 Flores de Honra" no certame Vilas...

Chantada, nove anos consecutivos obtendo “4 Flores de Honra” no certame Vilas en Flor

O certame recoñece así a mellora continua do Concello de Chantada para a planificación das zonas verdes, con espazos públicos máis coidados e asequibles, a posta en valor da paisaxe local, a mellora da calidade de vida, a atracción de visitantes e a concienciación ambiental.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O movemento Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega, celebrou este venres en Salceda de Caselas, a entrega destes galardóns que recoñecen as boas prácticas ambientais nos municipios de menos de 40.000 habitantes. O Concello de Chantada obtivo por noveno ano consecutivo o recoñecemento de “4 Flores de Honra”, a máxima distinción entregada ata o momento por Vilas en Flor.

Nesta edición participaron 40 municipios e o Concello de Chantada volveu a ser dos máis premiados. Na provincia de Lugo, só os concellos de Sarria e Chantada participan do programa Vilas en Flor.  

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que acudiu acompañado por unha representación da Área de Parques e Xardíns, co concelleiro, Diego Otero e Modesto Varela encargado do equipo de Xardinaría; recolleu a distinción de mans de Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia.

No recoñecemento de Chantada, o xurado destacou a recuperación de prazas e espazos verdes, como a humanización da praza Luis García Arias ou o traballo de posta en valor no barrio de Marín.

Ademais de espazos que sempre valorou o xurado como o Paseo Fluvial e o Parque Eloísa Rivadulla, nesta ocasión recoñecéronse tamén proxectos nos que se está traballando como o das rúas Pardo Bazán e Concepción Arenal nas que se conxuga a mellora urbanística coa dotación de novas zonas verdes.

Vilas en Flor premio Chantada / Concello de Chantada

O xurado recoñece a composición das xardineiras, diferentes en cada rúa mesturando plantas de tempada con plantas arbustivas que duran todo o ano e tamén a decoración de espazos que fan esquina e entre rúas.

O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, asegura estar moi satisfeito por revalidar este recoñecemento, “o certame é cada vez máis esixente e estamos moi contentos destas 4 Flores de Honra, froito das xestións e do traballo das brigadas e dos diferentes servizos. Temos a mesma ilusión que o primeiro día e para as próximas edicións seguiremos creando e mellorando espazos públicos nas parroquias e na vila”.

O rexedor agradece o labor do equipo de Parques e Xardíns para crear espazos máis agradables, “diversificáronse as obras que presentamos a Vilas en Flor. Apostamos por recuperar e adaptar o mobiliario ás distintas zonas con madeira, noutros casos consérvase a forxa ou utilizamos material reciclado para contribuir á sostibilidade. E todo adecuado  á contorna”.

As Vilas en Flor son os municipios que traballan para a mellora do espazo urbano e a calidade de vida da súa poboación. Este sistema reflicte o nivel de desenvolvemento das actuacións en espazos verdes e pon en valor o traballo realizado durante o ano en curso. Para o certame a Fundación Juana de Vega conta co apoio de Asvinor (Asociación de empresarios viveiristas do noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería)

Vilas en Flor premio Chantada / Concello de Chantada

ÚLTIMAS

Pontón compromete no primeiro día de campaña do BNG reforzar Monforte como nó ferroviario estratéxico

A portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeu o traballo do BNG en Madrid para reforzar...

José Tomé acompaña ao candidato socialista ao Senado, Roberto Castro, no inicio da campaña en Monforte

Do acto de pegada de carteis participou o candidato ao Senado, Roberto Castro, que...

“Falamos de cousas que poden volver pasar”, Rocío, de Rebuldeira Teatro sobre a obra ‘Vermello, unha historia da Guerra Civil’

A compañía Rebuldeira Teatro, de Sarria, chega a Monforte por primeira vez na súa...

Interesante obradoiro sobre fiscalidade para emprendedores rurais

O vindeiro martes 1 de decembro a Fundación Acción Contra a Fame organiza un...