Afigal e a Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next asinaron un convenio de colaboración para facilitar o acceso ao financiamento das pemes asociadas a esta entidade e contribuír ao desenvolvemento do tecido empresarial da comarca. A Sociedade de Garantía Recíproca Afigal prestará servizos financeiros ás empresas asociadas a Ribeira Sacra Next, facilitándolles o acceso directo ás súas solucións de financiamento e ás liñas de crédito que mellor se adapten ás súas necesidades en cada momento.
Entre as principais vantaxes do acordo destaca a posibilidade de acceder a avais de ata o 100% do financiamento para proxectos de investimento, necesidades de circulante e reestruturación de pasivos. Así mesmo, as pemes que tramiten as súas solicitudes a través da Asociación ao amparo deste convenio beneficiaranse da bonificación íntegra dos gastos de estudo. Tamén poderán acceder a condicións preferentes a través dos convenios vixentes de Afigal coas entidades financeiras e acollerse, cando corresponda, ás liñas anuais do Igape, que habitualmente incorporan melloras nas condicións de financiamento e bonificacións dos custos financeiros.
A colaboración contempla, ademais, o estudo individualizado de cada proposta e o asesoramento empresarial e financeiro, cunha persoa de contacto de referencia para as empresas asociadas.
FOMENTO DO EMPRENDEMENTO E ASESORAMENTO
Esta alianza, na que Ribeira Sacra Next pasará a ser socio protector de Afigal, permitirá tamén impulsar conxuntamente iniciativas para fomentar o emprendemento e a creación de empresas, así como accións de asesoramento a proxectos empresariais, especialmente no ámbito do financiamento.
O acordo foi subscribido por Severino Rodríguez, presidente da Asociación de Empresarios Ribeira Sacra Next, e Pilar Núñez Torrón, vicepresidenta primeira de Afigal.

