A Asociación Micolóxica Os Lactouros organiza os vindeiros mércores 18 e xoves 19 de novembro a primeira edición do Miconcurso de Tapas, unha nova proposta que combina gastronomía, micoloxía e convivencia. Con esta iniciativa, a asociación pretende achegar a cultura micolóxica á cidadanía dun xeito lúdico e participativo, ao tempo que contribúe a dinamizar a hostalaría local.
No transcurso das devanditas xornadas, as persoas participantes realizarán un percorrido por diferentes establecementos hostaleiros de Monforte compartindo tapas, consumicións, e bos momentos arredor da gastronomía. Para participar neste concurso cómpre pagar 25 euros por persoa, importe que permite obter unha tarxeta que inclúe as tapas e consumicións dos dous días. A organización facilita o teléfono de contacto 671 473 982 para calquera información adicional sobre a dinámica do evento.

PROGRAMA DO CONCURSO
Mércores 18 de novembro
– 20.30 h. Punto de encontro no Río Sol.
– 21.00 h. Bar A Cepa.
– 21.30 h. Pizzería Versalles.
Xoves 19 de novembro
– 20.30 h. Punto de encontro no Molinón.
– 21.00 h. MC.
– 21.30 h. Esmorga.
Dende Os Lactouros animan á veciñanza a participar nesta primeira edición dunha iniciativa que pretende converterse nunha oportunidade para compartir a afección pola micoloxía, descubrir sabores e desfrutar do ambiente dos locais de Monforte. Así mesmo, esperan poder darlle continuidade nos vindeiros anos.



