Na competición participaron nenos e nenas procedentes dos concellos de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober, Chantada, Taboada e Guntín. Todos eles demostraron un gran nivel competitivo e espírito deportivo nun percorrido esixente, onde a lama e a auga engadiron un atractivo extra ás carreiras.
A xornada estivo marcada pola igualdade e o esforzo de todos os participantes, xa que en xogo estaban os postos de clasificación para a fase final. Os mellores atletas de cada categoría aseguraron o seu pase para disputar o Campionato Provincial de Campo a Través, que se celebrará o vindeiro 13 de decembro na localidade de Ribadeo.
Desde o Club de Atletismo A Gándara fan unha valoración moi positiva do desenvolvemento da proba. “É un orgullo ver a estes máis de 70 rapaces e rapazas gozar do atletismo con tanta ilusión, sen importarlles a chuvia. Queremos agradecer o esforzo dos deportistas, o apoio das familias que se achegaron a animar e a colaboración de todas as entidades que fan posible o deporte base na nosa comarca”, sinalan desde a directiva do club.

