As piragüistas do Club Quixós, Noa Díaz e Ximena Prats, xa teñen nas súas casas a “Medalla do COE” en recoñecemento aos éxitos deportivos acadados no ano 2024. Sen tempo non era!
A noticia de que lles foran outorgadas as respectivas medallas chegoulles a finais dese 2024 a través dunha carta persoal asinada polo propio Presidente do Comité Olímpico Español que ademais felicitábaas “por este merecido galardón, reflexo do seu compromiso, esforzo e excelencia”.
Despois, xa para a entrega, como na gala correspondente que se fixo a principios deste ano só se convocaron aos deportistas olímpicos, as piragüistas monfortinas tiveron que esperar á entrega en man que lle fixo o Presidente da Federación Española de Piragüismo días atrás a Noa Díaz.
UN 2024 ESPECTACULAR
Ademais do amplo medalleiro acadado a nivel galego co seu Club Quixós, Noa e Ximena tamén tiveron relevantes premios a nivel nacional e internacional no 2024. Concretamente, foron bronce no Campionato do Mundo de augas bravas, celebrado en León na modalidade de patrullas C-1 co trío no que tamén estaba a vasca Eider Larrañaga.
Sumado ao anterior cómpre salientar que ese mesmo ano Noa Díaz acadou o segundo posto a nivel estatal na modalidade de kaiac cross e décima no Campionato Europeo.

