O Concello de Monforte de Lemos conmemorou o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha concorrida concentración e un acto simbólico na Praza do Concello en lembranza das 47 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España, e os 3 menores vítimas da violencia vicaria.
Esta emotiva acción, que foi secundada cunha gran participación por parte da sociedade monfortina, enmárcase na campaña de sensibilización “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM).
O acto deu comezo ás 12:00 horas coa lectura do manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, que estivo acompañada polo Alcalde José Tomé e outros membros do Equipo de Goberno, alumnado de Primaria e persoal docente dos centros educativos de Monforte, persoal do Concello e sociedade en xeral. Ao remate do acto repartiuse entre os asistentes material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.
A continuación, desenvolveuse a performance “Cadeiras Baleiras”, unha iniciativa simbólica e de sensibilización na que participou o alumnado do CEIP Novo, CPR Torre de Lemos, CEE Infanta Elena, CEIP A Gándara, CPR Escolapios e CPR Ferroviario. A performance estivo composta por 50 cadeiras baleiras, 47 grandes e 3 pequenas, colocadas en filas diante das escaleiras da Casa do Concello e simbolizando, cada unha delas, “unha ausencia inxusta e dolorosa”. A través de diferentes mensaxes, os nenos e nenas reivindicaron unha sociedade baseada na igualdade, no respecto e no bo trato, e amosaron o seu rexeitamento aos comportamentos machistas, aos celos, ao control e a calquera manifestación de violencia.
A programación do 25N no concello de Monforte remata este xoves, 26 de novembro, cunha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina, no Centro Cívico de Monforte e a cita ás 20:15 horas, no Edificio Multiusos acollerá coa representación da obra teatral “A cámara escura”, da compañía Vórtice Escénico. A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, está dirixida ao público adulto e aborda a realidade das vítimas do ciberacoso.
25N en Chantada

Este martes, 25 de novembro, o Concello de Chantada celebrou o acto central do 25N coa lectura do manifesto que, ante a ameaza de chuvia, tivo lugar no salón de plenos, na Casa da Cultura. Da lectura encargouse a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, que estivo acompañada polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, persoal do CIM que desenvolveu a programación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, membros do equipo de goberno e distintos departamentos do Concello de Chantada.
A celebración contou coa participación dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo que elaboraron dous murais sobre o 25N e as súas reivindicacións de igualdade e de eliminación da violencia machista. Precisamente cos centros de ensino o Concello de Chantada desenvolverá tamén obradoiros de sensibilización, “Son campañas que se queren manter de ano en ano para reforzar a importancia de traballar a igualdade desde a infancia”, explica Pamela Fernández.
A programación do 25N no concello de Chantada xirou sobre o lema, Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques, como sinalaba o cartel que se entregou a asociacións, locais de hostalaría e veciñanza. Ademais das actividades cos centros escolares que se prolongarán ata o vindeiro ano, a programación remata este 28 de novembro co curso básico de formación en Defensa Persoal Feminina e Autoprotección.

25N 2026 / Concello de Chantada

