O XVII Concurso de Tapas da Guimaralia, certame gastronómico organizado polo Concello da Pobra do Brollón, botou a andar hoxe e conta coa participación de cinco locais do municipio: Bar Avenida, A Vella Taberna e O Pirata na Pobra do Brollón; A Salanova en Salcedo e O Fogón en Cereixa.
Ata o 4 de decembro poderanse degustar as diferentes elaboracións, tapas que se someterán a votación popular para finalmente escoller as tres mellores. A votación realízase mediante as tarxetas de voto dispoñibles nos locais participantes, cartóns que deberán ir debidamente seladas por todos os bares. As devanditas tarxetas entrarán no sorteo dun circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.

O remate do Concurso de Tapas dará paso aos XIV Cantos de Taberna que se celebran o sábado 5 de decembro a partir das 18:30 nos mesmos locais.
TAPAS PRESENTADAS A CONCURSO
As propostas da edición 2026 do Concurso de Tapas da Guimaralia son ‘Delicias de Outono’ (Bar Avenida), ‘Tosta Cereixá, a tentación nun bocado’ (O Fogón), ‘Tentación de Brollón’ (O Pirata), ‘Patacas con conto’ (A Salanova) e ‘Tosta Barbao’ (A Vella Taberna).
Os pinchos a concurso, que teñen un prezo de 1,50 €, foron catados previamente polos cociñeiros profesionais Diego Martínez e Martín Mantilla, degustación que ten como obxectivo garantir os estándares de calidade das tapas e asegurar o cumprimento das condicións.
Poderán degustarse as tapas en horario de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas todos os días agás o luns 30 no Fogón e na Vella Taberna, e mércores 2 na Salanova.

