A campaña desenvólve ata o 30 de novembro, polo que a cidadanía aínda está a tempo de participar e apoiar aos negocios locais, especialmente neste período previo ao Nadal, que é especialmente importante para a actividade comercial. Para participar, os consumidores deberán realizar unha compra por un importe igual ou superior a 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia de Lugo e rexistrar o tícket na web habilitada www.sorteocomercio.es/coche.
Ademais, os propios comerciantes teñen a posibilidade de rexistrar as compras en colaboración coa clientela. Esta modalidade permite obter unha participación adicional no sorteo. En ambos os casos, será necesario conservar ou fotografar o boleto como xustificante da compra.
O sorteo do MG3 Hybrid+ celebrarase o 3 de decembro, ante notario, no Pazo de San Marcos, en Lugo. A identidade da persoa gañadora darase a coñecer a través da web oficial da campaña.
O Gran Sorteo reafirma así o seu obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos de proximidade e lembrar que cada compra no pequeno comercio contribúe a manter vivas as vilas e a fortalecer a economía local.
O alcalde, José Tomé, destacou a importancia de promover iniciativas que contribúan a dinamizar o comercio de proximidade e a poñer en valor o papel que desempeñan os pequenos establecementos no desenvolvemento económico da cidade. O deputado provincial Pablo Rivera destacou o carácter “diferencial e innovador” desta iniciativa, coa que se busca captar a atención dos consumidores, sobre todo nun momento de transición entre a Volta ao Cole e as compras do Nadal.
Nova etapa no CCU de Monforte
Na súa intervención, pechando o acto, o alcalde quixo trasladar a súa benvida á nova directiva do Centro Comercial Urbano, á que felicitou por asumir esta responsabilidade e agradeceu o seu compromiso para dar continuidade á asociación. Nesta liña, José Tomé destacou a importancia de contar cunha entidade que represente e defenda os intereses do comercio local, e expresou o seu desexo de que esta nova etapa veña acompañada de novos proxectos e iniciativas para seguir dinamizando o comercio de proximidade en Monforte. O rexedor detallou que o Orzamento municipal para 2027 que o Equipo de Goberno levará a pleno o vindeiro luns, 30 de novembro, contempla un incremento de 3.000 € na partida destinada ao CCU, que ascenderá a un total de 15.000 €.


