HomesociedadeAlumnado do Torre de Lemos de Monforte coñece experiencias da emigración

Alumnado do Torre de Lemos de Monforte coñece experiencias da emigración

Tres voluntarios do Espazo +60 Afundación de Monforte relataron as súas vivencias de emigración con alumnas e alumnos de 2º de ESO do centro educativo.

Publicado o

- Advertisement -

O proxecto, coñecido como “Fálame da emigración”, está organizado pola Obra Social de Abanca e propicia encontros entre maiores e mozas/os para coñecer e compartir experiencias na emigración.

Este ano chega á súa cuarta edición e a iniciativa enmárcase dentro da liña estratéxica “O valor da experiencia”, da Área de Envellecemento Activo de Afundación. Entre os seus obxectivos está ampliar oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando a súa experiencia vital e profesional e transmitindo a mesma ás xeracións máis novas.

No CPR Torre de Lemos tiveron este pasado xoves a oportunidade de coñecer o relato de tres maiores, Eliseo Rosende López, Elva Vázquez Bermúdez e Isabel Sánchez. Eliseo Rosende traballou en Asturias, emigrou a Suiza onde tivo varios traballos e formou unha familia. No 1999 retornou a Galicia coa súa muller e deixou dúas fillas alí. Elva Vázquez traballou en Barcelona e despois tamén foi a Suiza onde coñeceu ao seu home, tamén de Monforte. Alí tiveron dous fillos pero ao pouco xa retornaron a Monforte onde montaron un negocio. Isabel Sánchez, a terceira relatora, é unha dominicana residente en Monforte dende o ano 1990. Plenamente integrada e cun fillo en Santo Domingo.

Relatando as experiencias da emigración / XdL

A charla resultou moi interesante e os tres relatores voluntarios amosáronse moi cómodos contando as súas vivencias aos rapaces. Coincidían en que o que máis lles pesou sempre na distancia foi o “desarraigo familiar”, a separación da unidade familiar. “O distanciamento familiar non se acaba de levar ben, aínda coas novas tecnoloxías que fan a comunicación máis doada que antes”, recoñecía Isabel Sánchez. Esta dominicana, que contaba a emigración como forasteira, concluía que sempre se sentiu ben acollida en Monforte e que o que máis bota a faltar é xuntarse fisicamente co seu fillo que vive en Santo Domingo. A conexión é frecuente e posible por diferentes medios, afirmaba, pero a proximidade física é moi importante e non a ten como quixera.

Eliseo e Elva coincidían que, entre outros atrancos que superaron, estivo sempre o idioma e a distancia familiar cos que deixaban atrás, aquí en Galicia. Resumen que en xeral sentíronse ben acollidos pero sempre coa idea de volver a Galicia. Neste punto, Carlota, de Afundación, afirmaba que en casos semellantes os homes sempre teñen máis necesidade emocional de regresar que as mulleres. En moitos casos elas están xa ben no país de acollemento e, habendo fillos polo medio con máis razón, case prefiren quedar que retornar.

Preguntóuselle aos alumnos/as participantes por casos de emigración no entorno familiar e moitos/as recoñeceron ter experiencias na familia e incluso coñecer historias que lles contaron. Das cousas que máis lle chamaron a atención desas experiencias foi, por exemplo, que se foran tan lonxe a buscar traballo, nalgúns casos a países como Angola, Brasil, Arxentina ou Mozambique.

Á pregunta realizada aos rapaces sobre se se plantexarían no futuro a posibilidade de emigrar, case todos/as recoñeceron que si, e preguntados por que cousas botarían máis a faltar dende a distancia contestaron que familia e amigos/as.

visita medioambiental

Ademais da xornada anterior, rapaces e rapazas do Torre de Lemos tiveron días atrás unha xornada divulgativa coa visita á Base de Marroxo do Distrito VIII Terra de Lemos. A actividade consistiu na plantación de árbores autóctonas, visitar e coñecer o funcionamento das instalacións e recibir unhas charlas impartidas por técnicos e axentes ambientais.

Xornada divulgativa na Base de Marroxo. Foto: Axente Forestal

Os rapaces participaron activamente plantando árbores, collendo mangueiras e preguntando sobre todos os temas.

Plantando árbores autóctonas
Coñecendo a zona de intervención

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...