HomeCulturaIntensa semana de actividades en Sober no marco do ‘Mes do Amandi’

Intensa semana de actividades en Sober no marco do ‘Mes do Amandi’

Achégase a XXXIX Feira do Viño de Amandi e nesta recta final estanse organizando unha chea de eventos e xornadas para fomentar a cultura do viño e para dar a coñecer Sober e o seu patrimonio.

Publicado o

- Advertisement -

O luns a “Caravana do Amandi” visitou o Concello do Saviñao, segunda parada da ruta antes da XXXIX Feira do Viño de Amandi desta vindeira fin de semana. A elección deste concello para dar a coñecer a oficina de turismo ambulante foi que será o municipio ao que se lle dedique este ano a feira.

Outra das actividades ao redor do Amandi foi unha interesante xornada técnica celebrada no Centro Sociocultural o 9 de abril baixo o título de “Retos e innovacións no mercado: os viños rosados en Galicia”. Estes caldos teñen xa presenza na Ribeira Sacra e, aínda que nesta zona predominan os tintos, comezan a ser unha alternativa para ofrecer nos mercados. Na xornada falouse, de forma introdutoria, dos rosados da DOP Ribeira Sacra e tamén de rosados da DO Navarra e a continuación de experiencias de adegas galegas na elaboración deste tipo de viños. Ao remate houbo unha táboa redonda e unha cata.

Xornada sobre viños rosados. Foto: Prensa Sober

Ademais desta sesión especializada houbo outra interesante actividade, neste caso, para os máis pequenos/as. Unha excursión organizada polo concello bautizada como “Na procura dos tesouros de Sober” para coñecer algúns dos monumentos máis importantes da localidade. O atractivo estivo en que se formulou como a busca do tesouro e así os nenos e nenas tiveron que estar atentos a todas as explicacións das guías para ir complementando nun caderno a información máis relevante e así poder atopar os tesouros que se agochaban en cada unha das igrexas visitadas: Santa María de Proendos, San Vicente de Pinol, a Capela da Raíña dos Anxos e San Xulián de Lobios.

‘Na procura dos tesouros de Sober’. Foto: Prensa Sober

debuxo de postal

E xa no día de hoxe, deuse a coñecer o debuxo gañador do concurso para escolares da Comarca convocado polo Concello de Sober con motivo da Feira do Viño de Amandi. O Goberno local a través dun acordo con Correos converteu o debuxo gañador nunha tarxeta postal prefranqueada que enviará aos Centros Galegos de Europa e América co obxectivo de conseguir unha difusión internacional.

Postal co debuxo gañador do concurso. Autora: Uxía Trail

Con esta iniciativa tanto a XXXIX Feira do Viño de Amandi, como a localidade de Sober e toda a Ribeira Sacra terán presenza en todos aqueles países nos que exista un Centro Galego, tanto en Europa como en América.

No concurso participaron os centros escolares do Saviñao, Pantón e Sober, con 100 orixinais. O debuxo gañador foi o de Uxía Trail Bates, do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober. Os traballos de todos os participantes están expostos na Casa da Cultura de Sober.

O Concello de Sober agasallou coas postais a todos os nenos e nenas que participaron no certame de debuxo e fixo entrega dun lote á gañadora e ao centro gañador, o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober. A gañadora recibe tamén un premio valorado en 150 euros e concédese un accésit de 50 euros ao mellor debuxo de cada colexio participante.

ÚLTIMAS

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...