HomesociedadeConstitución do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo

Constitución do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu o acto este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos. O tribunal estará conformado por María Emilia Casas, como presidenta; Edgar Cloos, vogal; e Félix Mondelo, secretario, aos que o mandatario provincial trasladou o seu agradecemento “no plano institucional e persoal” por aceptar a súa proposta de integrar este novo órgano colexiado.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Ademais de José Tomé Roca, como Presidente da Deputación de Lugo, e dos membros do novo tribunal: María Emilia Casas, presidenta; Edgar Cloos, vogal; e Félix Mondelo, secretario, tamén estiveron no acto o Vicepresidente da institución, Efrén Castro Caloto; da Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; e do Secretario Xeral da Deputación, José Antonio Mourelle Cillero.

José Tomé lembrou que a Deputación decidiu crear o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo (TARCLU), acolléndose á Lei de Contratos do Sector Público, no seu artigo 46, apartado 4, coa finalidade de coñecer e resolver, “cunha maior axilidade e eficacia”, os recursos especiais en materia de contratación da propia Deputación e tamén dos concellos da provincia que decidan voluntariamente facer uso deste servizo que pon á súa disposición.

XURISTAS DE PRESTIXIO PARA RESOLVER CON MAIOR EFICACIA CONFLITOS CONTRACTUAIS

Aceptando esta responsabilidade, asegurou, María Emilia Casas, Edgar Cloos e Félix Mondelo “comprométense a prestarlle un servizo valiosísimo aos veciños e veciñas da provincia de Lugo, e demostran, unha vez máis, a súa total vontade de servizo público e o seu fondo compromiso coa súa terra, coa provincia de Lugo”.

“Estamos ante profesionais con brillantes e dilatadas traxectorias, que exercen ou exerceron a práctica xurídica en distintos ámbitos e que teñen o respecto e o recoñecemento da cidadanía, dentro e fóra da súa profesión, e dentro e fóra da nosa provincia”, recalcou o Presidente, para quen “a súa presenza é determinante para cumprir co obxectivo que nos marcamos cando decidimos crear este órgano especializado e independente, que é resolver con maior axilidade, con maior eficacia, e con todas as garantías xurídicas, os recursos especiais en materia de contratos, dos que ata o de agora se ocupaba o TACGAL, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia”.

“Gañar axilidade e eficacia nestes procedementos beneficia á propia Administración, pero tamén será positivo para as empresas que contratan con entidades públicas e, en definitiva, para os veciños e veciñas que se benefician dos servizos e das obras contratadas”, afirmou tamén José Tome.

Polo tanto, argumentou, poñendo en marcha o TARCLU, que comeza xa a súa actividade, “o que facemos é avanzar cara unha Administración provincial máis áxil, máis eficaz, máis transparente e máis útil para os veciños e veciñas, que é polo que traballamos, cada día, dende este Goberno provincial”.

MARÍA EMILIA CASAS

María Emilia Casas, Presidenta do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo, foi Presidenta do Tribunal Constitucional, a primeira muller que acadou este posto no noso país; e tamén a primeira muller que obtivo en España unha Cátedra de Dereito do Traballo e Seguridade Social. Pioneira, xurista de prestixio, experta en relacións laborais, impulsora da loita contra a discriminación e a favor da igualdade. Doutora Honoris Causa por diversas universidades, Conselleira Electa do Consello de Estado, e recibiu importantes condecoracións, entre as que destacan o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio ou a Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort. María Emilia Casas é, ademais, licenciada en Filosofía e Letras, o que, sen dúbida, lle dá ás súas actuacións o perfil humanista e de contacto coa sociedade que as caracteriza.

EDGAR CLOOS

Edgar Cloos, Vogal do TARCLU, foi Presidente da Audiencia Provincial de Lugo tras unha longa traxectoria profesional, que arrancou despois de licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo a praza de xuíz por oposición libre en 1986. Iniciou a súa traxectoria profesional en Cataluña, concretamente nos xulgados de Granollers, para logo regresar a Galicia como xuíz con praza en Cambados, onde estivo ata 1999. Foi un dos pioneiros á hora de ditar sentenzas en lingua galega, motivo polo que recibiu unha homenaxe xunto con outros compañeiros no 2018 por parte da Irmandade Xurídica Galega. Xa en Lugo, exerceu primeiro nos xulgados da capital e posteriormente na Audiencia Provincial, onde dirixiu a sección segunda para logo ser o Presidente ata xubilarse, fai pouco máis de un ano, en marzo de 2023.

FÉLIX MONDELO

Félix Mondelo, Secretario do TARCLU, tras licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce a profesión desde o ano 1981, desempeñando durante estes anos a asesoría xurídica de diversas empresas e entidades. En decembro de 2010 resultou elixido Decano do Colexio de Avogados de Lugo, e en xuño de 2017 tomou posesión do seu cargo como Presidente do Consello da Avogacía Galega. No ano 2022 recibiu a Condecoración de Ouro polos 40 anos de exercicio da profesión por parte do Ilustrísimo Colexio de Avogados de Lugo. En xaneiro de 2023 contou coa confianza de todos os letrados da provincia para continuar ó mando do Colexio de Avogados de Lugo.

PREVISTO NA LEI E TRABALLO A CAMBIO DE DIETAS

A creación dun Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais de carácter provincial está prevista no apartado 4 do artigo 46 da Lei de Contratos do Sector Público. Polo tanto, é unha potestade da Deputación, coa que, ademais, reforza a función esencial da institución, como é a cooperación cos concellos.

O funcionamento do Tribunal non vai supoñer novos custes para a Deputación de Lugo, pois os seus integrantes non cobrarán un soldo. Tan só percibirán unha dieta por cada día que se reúnan para cubrir gastos. Ademais, o persoal de apoio que precisen será da propia Deputación para optimizar recursos.

ÚLTIMAS

O Courel protesta pola ausencia de médicos

As protestas repetiranse o vindeiro mércores e ata que se solucione a situación, segundo...

Escultura en madeira con motoserra no IES A Pinguela

Eugenio Linares, asturiano e veciño de Tuiriz, no Concello de Pantón, realizou hai uns...

Diversidade e conciliación camiñando polos miradoiros de Sober

Redes Lilas agrupou a unhas 40 mulleres nunha andaina a través dos miradoiros do...

Esperta Monforte leva a pleno ampliar e mellorar a Biblioteca adquirindo o edificio da galería Sargadelos

Esperta Monforte considera que as instalacións da casa da cultura, e en particular da...