HomeCulturaA Banda de Música de Chantada presenta os concertos de 2022 baixo...

A Banda de Música de Chantada presenta os concertos de 2022 baixo o título ‘Identidades’

O cartel e a idea de darlle unidade aos concertos que teñen no calendario anual foron dados a coñecer esta mañá na Casa da Cultura de Chantada. Falamos con Luis Miguel, presidente e músico da Banda.

Publicado o

- Advertisement -

Na Casa da Cultura comparecían este venres 25 de marzo, Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, Elías González, músico e tesoureiro da banda, e Luis Miguel Crespo, presidente e músico. O acto serviu para dar a coñecer a programación anual para esta tempada 2022.

Un total de 7 concertos son o eixo central desta programación que se presenta baixo o título común de “Identidades”. A intención, segundo palabras de Luis Miguel Crespo, é “celebrar a nosa identidade musical e cultural, a nosa identidade como pobo, e a nosa identidade como banda de música popular”.  

Chamamos a Luis Miguel, un rapaz que escoitou a chamada da música aos 8 anos e que empezou a tocar na Banda do seu Carballedo natal. Dende hai 9 anos é músico da Banda de Música de Chantada e este será o terceiro que cumpre como presidente da asociación.

Lembra que a pandemia afectoulles como a todo o mundo tendo que ensaiar ao aire libre, en pequenos grupos, etc. Mais foron actuando, algo xa no 2020, ano no que celebraron incluso o Festival de Bandas; e xa no pasado 2021 puideron cubrir practicamente todo o calendario dende maio-xuño.

Dando por feito que entramos na esperada normalidade, este venres presentaba xunto con Elias González e Manuel Diéguez o ciclo anual de concertos, os máis sinalados e representativos do ano para a Banda de Música de Chantada. Este ano o director quixo que esta axenda tivera un fío condutor, e para iso puxéronlle o título de ‘Identidades’ ao cartel que reúne eses concertos. Unha simboloxía que representa a “identidade como banda pero tamén como pobo e como sociedade musical”, di Luis Miguel.

Cartel

O primeiro concerto será xa este domingo 27 ás 13:00 h. na Praza do Cantón baixo o título de “Música e viños”. Sabemos polo presidente que este concerto estaba pensado para a Feira do Viño, onde pobo e viño danse a man, pero ao adiar as datas do evento farano agora. Será un concerto popular con pasodobles, muñeiras…

O segundo do calendario será en maio, baixo o título “Música de compositores galegos do século XXI”. “Aquí veremos unha homenaxe a moitos compositores galegos deste século que queremos tocar e aínda están en activo”, refire Luis Miguel.

Pasando xa a xullo o lema será “Colle ti a batuta“. Aquí a ‘brincadeira’ musical que formula a Banda de Chantada é facer un concerto no que os músicos e músicas poidan dirixir tamén algunha peza. “Pezas que traballen antes co director, Carlos, e experiencia que servirá para enriquecemento musical dos que queiran facelo” di Luis Miguel ao tempo que engade “servirá para iniciarse e ver os touros dende o outro lado”.

O cuarto e quinto acto serán no mes de agosto coas “Noites á luz da lúa: Chantada canta a Galicia” e co “XXXI Festival de bandas”. Nas xa populares ‘noites á luz da lúa’ na Praza do Cantón, a Banda de Chantada en colaboración coa Coral Polifónica de Chantada e algúns solistas repasarán as cancións máis identitarias galegas; ‘Negra Sombra’ ou ‘Lela’ por poñer dous exemplos.

Coicidindo coas festas farase, como é tradición, o festival de bandas. Este ano volve ao seu formato habitual con dúas bandas convidadas e a de Chantada como anfitrioa. As tres formacións tocarán o domingo da festa.

O sexto concerto do calendario levaranos xa a outubro. No VIII outono musical, e baixo o título “Unha noite na ópera”,  interpretarán grandes números de óperas coñecidas da historia.

E xa para pechar este calendario de ‘Identidades’, o ciclo anual musical para a Banda de Chantada ofrecerá un “Concerto de solistas” no mes de novembro. Nesta proposta diferentes músicos e músicas da banda actuarán como solistas. “Será unha maneira de mostrar as individualidades dos músicos da banda”, dinos Luis Miguel Crespo.

Con este cartel no que plasman o calendario anual, e cunha temática e proposta concreta para cada concerto, a Banda de Música de Chantada busca divertirse e divertir ao público ademais de reforzar a identidade do grupo, sobre todo despois destes anos nos que a pandemia separou e esparexeu algo ao colectivo.

ÚLTIMAS

Manuel Diéguez incide na ‘seguridade e coidado do viñedo’ na presentación oficial da 50 edición da ‘Subida Automobilística a Chantada’

Na presentación da 50ª edición da Subida Automobilística a Chantada, o primeiro en falar...

Déixate guiar pola Pobra do Brollón este verán

As visitas vinculadas á arqueoloxía son o Castro de San Lourenzo de Cereixa, Penas...

200 persoas de 13 parroquias de Chantada participaron do programa Actívate no Rural

O Concello de Chantada a través da concellaría de Servizos Sociais organizou desde o...

Panorama e Combo Dominicano nas Festas de Quiroga

O Concello de Quiroga comeza a facer públicas as actuacións das súas festas de...