HomePolíticaDolores Castro, alcaldesa de Folgoso: "C@urel Vivo non se sabe nin a...

Dolores Castro, alcaldesa de Folgoso: “C@urel Vivo non se sabe nin a que partido pertence”

A rexedora do Courel mostra o seu punto de vista sobre unhas declaracións vertidas polo voceiro de C@urel Vivo, Óscar Carrete. Entre outras cousas, acusaba de mala xestión política á actual mandataria

Publicado o

- Advertisement -

Dolores Castro nega que teña abandonado o concello tal e como denunciou Óscar Carrete, portavoz de C@urel Vivo recentemente neste medio. Segundo a mandataria, dende a asociación de Carrete, estase a facer unha política de poder . “Mentres eu, durante os anos que teño a alcaldía, estou facendo unha política de servizos aos veciños”, asegura.

Óscar Carrete manifestou que non se estaban a tomar medidas en canto á proliferación de mimosas na zona sendo unha planta invasora. Que teñen que dicir ó respecto?

Si é certo que hai mimosas no Courel. Pero nin son un problema para a biosfera, nin son unha praga, nin ninguén nos manifestou algún tipo de problema na zona con respecto a súa presenza. Ninguén percibe que sexan un problema e é máis, cando estiveron os avaliadores da UNESCO aquí, non dixeron nada pola súa presenza.

Quere dicir que en canto á declaración de Xeoparque Montañas do Courel as mimosas non son problema?

Cremos que non. É máis, como digo, nos días que estiveron aquí os avaliadores non dixeron nada con respecto a este tema.

Que opinión ten acerca da candidatura a Xeoparque logo da visita dos avaliadores da UNESCO?

Moi boa. Marcharon encantados. Viron unidade por un obxectivo. Tanto o concello de Quiroga como o de Ribas e Sil e o noso pelexamos por un propósito común. Desfrutaron de todo o que temos e das actividades que lles tiñamos programadas. Repito, das mimosas non nos dixeron absolutamente nada.

Igualmente considero que sería moi ambicioso pola nosa parte afirmar que imos obter a denominación de Xeoparque porque é a primeira vez que nos presentamos. Loxicamente aínda quedan moitas cousas por facer e creo que, desta primeira vez que nos presentamos, o que nos van dicir dende a UNESCO van ser os puntos que debemos de cambiar para obter dito recoñecemento porque a zona así o merece. Oxalá me equivoque e nos nomearan Xeoparque xa pero ata que se fagan públicos os resultados non imos saber realmente o que decidiron.

O que si lles chamou a atención son os diferentes organismos públicos que temos en España. É dicir, hai cousas que facemos o Concello, outras a Deputación e outras a Xunta. Para eles iso era moi raro porque a súa forma de traballar é totalmente diferente pero soamente nos comentaron iso, que lles chamaba realmente a atención o reparto de competencias en materia política.

Dende C@urel Vivo levan tempo denunciando que faltan médicos na zona e que dende o Concello non toman as medidas oportunas. Que tes que decir ó respecto?

Nós levamos tempo pelexando para que se arranxe este problema. Tamén estamos en contra de que para cando un médico do ambulatorio non está quede soamente un facendo o traballo de dous. Aínda que pertencemos ó mesmo partido que a Xunta, isto non quere dicir que esteamos de acordo en todo. Recentemente estivemos co Conselleiro de Sanidade e manifestámoslle todos os problemas que tiñamos e seguiremos loitando ata poder dar unha solución a este grave problema.

En canto á reapertura da farmacia xa solucionamos o tema que se presentou porque había un proceso xudicial polo medio e esperemos que co centro médico poidamos dar unha solución o antes posible. Igualmente, o Conselleiro de Sanidade manifestounos que a finais de ano íamos ter o problema solucionado, e se non é así, imos adoptar medidas máis drásticas ata conseguir o noso obxectivo.

Primeiramente imos dar solución ó tema das gardas médicas e da substitución de médicos e logo, se podemos, conseguir que un pediatra veña unha ou dúas veces ó mes ata o Courel.

Nós non estamos de acordo coa xestión do centro médico por moito que o señor Carrete diga o contrario.

E que me di da estrada que une Folgoso con Seoane?

Esa é outra. Dende C@urel Vivo manifestan que a estrada está sendo parcheada e deixando grava solta que provoca accidentes. Vamos a ver, nós temos solicitado un arranxo da vía dende hai moitos anos e por mor de crise pasada, paralizouse todo. Neste momento están tapando os buratos máis perigosos para facer a estrada transitable ata que en xaneiro saia o proxecto a licitación. E loxicamente, ata que non rematen os traballos que están facendo, hai grava solta que posteriormente varrerán. De todos modos, a vía está perfectamente sinalizada advertindo dos traballos e da presenza de grava e a súa conseguinte perigosidade. O que non se pode facer é o que están facendo dende o seu partido, confundir á xente. Pero bueno, esa é a súa forma de facer as cousas dende hai tempo.

Nós sempre imos facer todo o que nos piden. Por exemplo, Óscar Carrete nunha excursión que fixo atopou un coche no río e díxonolo. Nós fomos ata o sitio e sacamos o coche cos medios dos que dispoñemos. Todo aquilo que se nos diga, e poidamos facelo, non temos problema. Ó igual que tamén nos comentou o estado de deterioro dalgunhas pontes; a medida que imos podendo imos arranxando aquelas que están en mal estado para que, pouco a pouco, teñamos o máximo de servizos municipais en perfectas condicións.

Por que pensa que C@urel Vivo é tan crítico coa súa xestión?

O único que lle interesa a Óscar Carrete é a alcaldía. El ve o concello como un medio de poder e nós de servizo á cidadanía. Eu creo que el o único que quere é ser alcalde pero, segundo está facendo as cousas, está moi equivocado se pretende facer algo polo Courel.

É que sempre está co tema do meu soldo a voltas. Eu cobro 32.000 euros ó ano e soamente lle paso a quilometraxe ó Concello cando teño que ir a reunións de traballo a Santiago. Pero sempre está a dicir que lle paso dietas ó Concello de todo e non é verdade. É máis, vou a Santiago no meu coche para que os empregados municipais non vexan a súa rutina diaria modificada e poidan desenrolar a súa dinámica laboral como de costume.

O que ten que facer o Señor Carrete é ter claro con quen se identifica. Nós sabemos ben onde estamos posicionados e desde aquí traballabamos polo ben do Concello, e el, máis ben, posiciónase segundo veña o aire (xuíz, alcalde de Santiago, e dicir, Podemos, En Marea,..). Tamén lle pedimos que se centre e non se contradiga, primeiro critica que non se facía brigada no Courel polas malas condicións laborais dos contratos e agora que se fixo, di que foi grazas a el. A quen quere enganar? a brigada fíxose porque así o acordamos o grupo de goberno, nós fomos quenes decidimos sacar isto adiante e déixese de politiqueos e demagoxias, vostede tivo as bases da contratación das brigadas dende o primeiro día no seu poder para mandar apuntar ós mesmos que agora mandou de segunda volta.

Que insinúa con iso de que os mandou apuntar a unha segunda convocatoria?

Como todos os anos fixemos pública unha convocatoria para a creación dunha brigada contra o lume para o verán. Costounos moito poder facela porque había xente doutros anos que este ano estaba traballando e non podía vir, houbo quen se apuntou pero non pasou as probas pertinentes, costounos moito atopar un xefe de brigada e tivemos bastantes problemas para atopar condutores das motobombas.

Ben, creada esta primeira brigada e tendo as bases o señor Carrete dende o primeiro día -sabemos que as tiña porque tivo problemas para descargalas e enviáronselle dende o Concello- díxonos que había moita xente desexando traballar nas brigadas do Courel e que había que crear unha segunda.

A nós danos igual unha que dúas porque en gran parte son subvencionadas pola Xunta e canta máis xente traballando polos nosos montes moito mellor. Á segunda convocatoria, que tivo moita menos publicidade, apuntouse xente que non o fixo na primeira. Deste xeito sospeitamos que foi todo unha artimaña partidista para presumir de que grazas a eles hai dúas brigadas, porque xa digo, moitos dos que se apuntaron á segunda convocatoria non o fixeron na primeira a cal foi moitísimo máis publicitada.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...