Hai festas que manteñen a esencia das tradicións e que se celebran en marcos incomparables. Este é o caso da ‘Festa da Pisa da Castaña’ que se vén celebrando na aldea de Froxán, no Concello de Folgoso do Courel, dende o ano 1999.
Froxán énchese de visitantes e de vida neste acontecemento que recrea a “pisa da castaña seca” converténdoa nunha celebración de marcado carácter etnográfico que serve tamén de encontro festivo para exaltar este produto e irlle dando a benvida ao inverno.
O pasado ano, por mor da Covid, suspendeuse co cal este ano chegarán á súa edición XXII. “Houbo discrepancias para facela este ano pero ao final decidimos tirar para adiante”, comenta Evaristo Méndez, un dos impulsores da mesma e Presidente da Asociación Fonte do Milagro, entidade que a organiza. “Había que reanimar á xente… se empezamos a deixar de facer as cousas, pérdense”, dinos tamén dando a entender que este tipo de celebracións corren o perigo de desaparecer cando non se mantén unha continuidade.
A Asociación Fonte do Milagro corre coa organización, tendo ademais dos veteráns que empurran, a axuda de xente moza do lugar que lle dá o complemento perfecto á comisión de traballo e colle experiencia para cando lles toque a eles, no futuro relevo xeracional.
Días atrás, sabendo xa que a ‘Festa da Pisa’ deste ano sería o 5 de decembro, o programa da TVG ‘Quen anda aí?’ dedicoulle uns minutos dando a coñecer este evento e facendo incluso unha demostración de ‘pisado’ e de ‘abandoxado’ participando con membros da asociación, os presentadores Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez.
FESTA DA PISA 2021
O evento ten lugar nunha gran eira da aldea de Froxán, na que se instalará unha gran carpa que acollerá o espazo para o xantar, e na contorna da mesma situaranse diferentes postos de artesanía e de alimentación con produtos autóctonos.
No que respecta ao programa, ás 11.30 horas da mañá terá lugar o acendido do sequeiro para amosar aos visitantes como se facía lume para secar as castañas. A continuación, sobre as 12:00 h., terá lugar a demostración de “pisado” e de “abandoxado”.
O pisado consiste en sacarlle as cáscaras ás castañas de forma manual. Entre dúas persoas collen certa cantidade delas nun saco para a continuación golpealo de xeito coordinado contra un tallo ou pisón. O abandoxado, traballo que vén despois, consiste en separar a castaña seca das cáscaras xa desprendidas tras os golpes. Esta tarefa, que require de gran maña e ritmo, faise cun artello de madeira con dúas asas, chamado “bandoxo”.
Ás 13:00 h. será a hora do pregón. Nesta edición, a dúo, pois as encargadas de tan importante cometido serán as mozas de Aldaolado.
Para as 14:00 h. está programado o xantar tendo como é tradición o “Menú do Pisador” a disposición daqueles que o reserven previamente a través da web da asociación. Están a disposición 225 menús para cumprir cos aforos, e segundo nos indican aínda quedan bastantes reservas. O menú consta dun prato de castañas cocidas con chourizo e panceta, e de sobremesa torta de castaña do Courel. O viño e o café non están incluídos.
Xa pola tarde, está prevista unha demostración de Aserrado de madeira e o peche da carpa gastronómia será sobre as 18:30 h.
Evaristo Méndez lembra que se ofrecerán rifas para axudar a financiar o custe da organización cunha extraordinaria cesta de produtos gastronómicos –cedidos desinteresadamente por diferentes empresas– como premio. Así mesmo, agradece a importante colaboración do Concello de Folgoso do Courel.