HomeComarca de QuirogaQuiroga"Do mellorciño de Europa e arredores", di Rubén Figueroa do mel de...

“Do mellorciño de Europa e arredores”, di Rubén Figueroa do mel de Quiroga

A Mostra do Mel de Quiroga chega este ano á súa XXXII edición coincidindo co día de Feira e o comezo das Festas de Verán do concello. Aproveitamos para lembrar o programa deste día e falar cun dos apicultores presentes na feira.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O día 10 de agosto a Mostra do Mel de Quiroga celebra a súa XXXII edición, día no que tamén haberá unha das feiras mensuais –co seu tradicional mercado de rúa– e no que darán comezo as Festas de Verán 2023.

Este evento gastronómico dará a coñecer as magníficas calidades do mel que se produce na zona de Quiroga, a través da produción que traerán seis apicultores: Manuel Macía González (As Estradas), Mª Carmen Macía Fernández (Quiroga), Rubén Figueroa López (Toucedo), Caurelor (Quiroga), Ángel Gómez Martínez (Paradapiñol) e Manuel Rodríguez Fernández (Centeais). Mel de castiñeiro, de queiruga ou multiflorar, tres variedades con matices diferentes en canto a cor, textura e sabor pero coa mesma calidade será o que se poda atopar nesta mostra.

O recinto feiral para a venda de mel e outros produtos apícolas –como xelea real, pole ou própole– e produtos típicos da comarca, abrirase ás once da mañá na rúa Real, a carón da Casa do Concello. A esa mesma hora o equipo de goberno local ten previsto facer a inauguración da mostra e tamén das festas grandes do concello.

O grupo de gaitas local O Recanto encargarase de amenizar o recinto feiral e Movilla y los Irrepetibles, co seu espectáculo de homenaxe aos clásicos da música mexicana e con versión de artistas españoles, será a formación encargada da sesión vermú no escenario da Praza da Rúa Lago. Xa pola noite, e como un dos pratos fortes destas festas, actuará a orquestra Panorama ás 23:00 h.

No apartado deportivo, nesta xornada terá lugar ás 19:00 h. un torneo de ‘Street soccer’ e outro de ‘Street volley’ nas pistas deportivas do Parque da Constitución.

Abellas no panel. Foto: Rubén F.

Aproveitamos a cita co mellor mel de Quiroga para falar cun dos apicultores presentes na mostra, Rubén Figueroa.

Como foron os teus primeiros contactos coa apicultura? 

Os primeros contactos coa apicultura foron no ano 2016, cando un compañeiro me vendeu un par de colmeas para o meu consumo, xa que daquelas consumía un quilo de mel ao mes, máis ou menos. 

E cando decidiches dedicarte?

Pois na castra do 2016 vin que me ía sobrar mel, fixen agasallos e a xente empezou a mercar algún… de dúas colmeas moito non se pode facer, pero foi moi gratificante ver a túa primeira colleita e deume moito ánimo para continuar e engadir máis colmeas.

“Na castra do 2016 vin que me ía sobrar mel, fixen agasallos e a xente empezou a mercar algún”

Cantas colmeas tes actualmente? 

A día de hoxe 27.

Previsión de aumentar o número?

Claro, polo menos poñer unhas 50.

Rubén Figueroa. Foto cedida.

Fálanos do teu mel. De que flores está feito e que destacarías del?

Non sei que decir do meu mel, a verdade non teño probados moitos para opinar pero pola nosa zona serán todos por un xeito, do mellorciño de Europa e arredores!. En canto ás flores predomina o castiñeiro e a silva.

Como o estás comercializando? Que canles de venda empregaches ata o momento?

Comercializo en tarros de cristal de 1 quilo e 500 gr, despois tamen teño un pouco en dosificador de 500 gr pero non compensa. A venda é directa, non temos intermediarios poo de agora. A canle de venda, a máis efectiva, o boca a boca…

“… e cada vez temos que levar máis para zona de Cabana de Bergantiños porque está a gustar moito”

Por onde se localizan os teus clientes?

Teño os meus clientes de Sequeiros da miña primeira colleita mais por sorte uns cantos máis por Quiroga, Ribas de Sil, etc. E cada vez temos que levar máis para zona de Cabana de Bergantiños porque está a gustar moito. 

Como se presentou este ano no que a calidade e cantidade se refiren? 

Calidade penso que boa, a xente que o probou dixo que é moi rico. De cantidade algo mellor que o ano anterior, tivemos unha primavera máis chuviosa e iso axudou moito á floración. 

Canto mel pensas levar a Quiroga para a Feira do Mel?

Uns 40 tarros de quilo e uns 30 de 500 gr. Mellor que sobre que falte (ri).

Rubén Figueroa coidando das colmeas. Foto cedida por el.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...