HomeComarca de QuirogaQuiroga'II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga', Mostra de aceites locais...

‘II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga’, Mostra de aceites locais e visitas ao Muíño de Bendilló

Este sábado 29 de marzo o Auditorio Municipal acolle a partir das 17:00 h. charlas arredor do aceite, degustacións gastronómicas. E o domingo 30 degustación e venda do aceite local de 7 produtores, nomeamento do 'I Embaixador do Aceite de Quiroga' e visitas en bus dende o recinto feiral ata o Muíño de Bendilló para coñecer en vivo a moenda tradicional.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Quiroga recupera este evento para celebrar a súa segunda edición dun encontro divulgativo arredor do aceite de oliva que reúne a especialistas de diferentes materias.

Será este sábado 29 de marzo no Auditorio Municipal de Quiroga, a partir das 17:00 h., e contará, para abrir a sesión de charlas, co presidente da APAAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), Alfonso Rodríguez Udías. Este relator exporá a “Situación do cultivo da oliveira en Galicia”, e a continuación del, ás 18:00 h., Carmen Martínez, científica do CSIC, falará das “Novas variedades de oliveira autóctona de Galicia, únicas no mundo”.

Ás 19:00 h., e baixo o título de “O Aceite de oliva extra na alimentación saudable”, acóllense as intervencións de Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora principal do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago) e vogal da SEEDO (Sociedad Española para el Estudio de la Obesidad); e do Chef galego, premio Gastronomía Saudable no 2024 outorgado pola Sociedade Española da Obesidade, Kike Piñeiro.

DEMOSTRACIÓNS DE COCIÑA NO RECINTO DA MOSTRA DO ACEITE

O II Congreso do Aceite de Quiroga rematará ás oito do serán coa demostración de cociña con aceite de Quiroga e degustación das tapas elaboradas polo Chef Gerson Iglesias do restaurante Erva Hotel Oca Villa de Allariz e dos Chef Diego Domínguez e Maica Couto do local A Ostrería do Mercado de Abastos de Santiago.

A música do grupo tradicional local O Recanto pechará o evento poñendo unha nota festiva ao encontro divulgativo-gastronómico a partires das 20:30 h.

Cartel tipo da Mostra do Aceite de Quiroga / XdL
PROGRAMACIÓN DOMINGO 30

Os postos de venda situaranse, a partir das once da mañá, no Recinto da Mostra do Aceite na praza do Auditorio Municipal e realizaranse actividades aproveitando as instalacións municipais próximas como son o Museo Etnográfico ou o anfiteatro.

Como é tradicional dende os 25 anos que se fai a mostra tamén funcionará o Muíño de Aceite de Bendilló para que os visitantes poidan seguir vendo a elaboración tradicional do aceite durante a mañá. Agora ben, nesta ocasión existe a posibilidade de que quen non queira empregar o vehículo particular poda achegarse ás Farrapas nos autobuses gratuítos que sairán dende a praza do Auditorio ás 11:00, ás 12:00 e ás 13:00 h.

Os olivicultores presentes nesta edición con posto son: Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Aceiroga, Jesús Arias Rodríguez, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.

Neste novo formato de mostra, e dándolle importancia ao protagonismo do aceite de Quiroga nos fogóns, realizaranse degustacións comentadas dos aceites participantes na mostra. As degustacións levaranse a cabo na sala de catas do Museo Etnográfico ás 12:00, ás 13:00 e ás 16:30h.

Outra novidade será que o evento contará cun embaixador do aceite. Ás 13:30 nomearase como I Embaixador do Aceite de Quiroga ao Chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago Compostela. Xa nomeado como I Embaixador, o Chef realizará unha demostración de cociña cos aceites de Quiroga como protagonistas.

Durante esta xornada o recinto feiral estará animado pola mañá coa música do grupo de música tradicional “O Ventosiño” e pola tarde, a partir das 17:30 h. coa música de raíz de Xavier Blanco da Fundación Legar no anfiteatro da Praza do Auditorio.

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...