O Quiroga Trail Challenge (QTC), unha das probas de montaña máis emblemáticas da península e autodenominada como a “A Festa do Trail Galego”, prepárase para celebrar a súa XII edición os días 28 de febreiro e 1 de marzo de 2026 nas montañas do Concello de Quiroga.
Trátase dunha cita das máis esperadas dentro do calendario de carreiras por montaña e das que máis crecemento está tendo. A falta de dous meses para a súa celebración neste 2026, a organización xa conta con 910 persoas inscritas, máis que en edicións pasadas, consolidando o evento como un referente deportivo e turístico no noroeste peninsular.
A edición do 2026 destaca especialmente pola crecente participación feminina. Os últimos datos de inscrición confirman que o 28% das inscricións corresponden a mulleres, unha cifra á alza que reflicte a consolidación da presenza feminina nas probas de resistencia. E tamén cómpre salientar o aumento de corredores de fóra de Galicia. Nesta edición as anotacións indican que se está sobre o 26% de participación foránea.
ATRACTIVA PAISAXE E BOA ORGANIZACIÓN
Os percorridos das diferentes probas do QTC transcorren por territorio do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, paisaxes de gran valor natural e xeolóxico.
Na edición deste ano as probas transitarán polas Montañas do Lor, con paraxes de bosques autóctonos, vales e arroios de gran beleza.
O evento está organizado polo Concello de Quiroga e o Montouto Club de Montaña, salientando o traballo do quirogués Blas Rodríguez e o seu equipo. Para a edición deste ano, que chega despois dos graves incendios do verán do 2025, veñen de adaptar os trazados dalgunhas probas para priorizar a seguridade dos corredores e corredoras, así como tamén para preservar a recuperación ambiental.
A organización informa que o 15 de febreiro pecharase o prazo para as inscricións e anima a anotarse a través da súa páxina web o antes posible.

