O Consello de Ministros aprobou o martes 27 de outubro declarar a 45 territorios, entre eles Quiroga, como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil, anteriormente coñecidas como zonas catastróficas. A declaración ten en conta os prexuízos ocasionados ao seu territorio por mor dos incendios forestais, choivas intensas, tormentas e inundacións que houbo entre o 13 de setembro e o 20 de outubro.
“Esta declaración permitirá activar liñas de axuda para compensar os danos sufridos por persoas e institucións en aplicación do principio de solidariedade entre territorios e para complementar a actuación das administracións autonómicas e locais”, explicou a ministra e portavoz do Goberno, Elma Saiz, durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros.
Esta declaración vén motivada polo incendio que o pasado mes de setembro afectaba a zona de Malcatán, entre Campos de Vila e Penas Rubias que afectou a 420 hectáreas do concello quirogués. O incendio iniciábase na tarde do 15 de setembro e non se estabilizaría ata dous días despois. Para a súa extinción habería que agardar uns días máis.
A Xunta de Galicia decretaba daquela, durante varias horas, o nivel 2 neste incendio como medida preventiva pola proximidade do lume aos núcleos de As Barxas, a Casa do Vello e Penas Rubias. Afortunadamente este nivel de alarma quedaba retirado poucas horas despois condicionado pola mellora da situación.

