HomesociedadeNo Incio volve haber cativos

No Incio volve haber cativos

Despois de 5 anos reabre as súas portas o Punto de Atención á Infancia (PAI) do Incio. O centro, con capacidade para 20 cativos, atende idades de 0 a 3 anos en horario de 9.00 a 15.00. O concello espera que esta reapertura achegue ao Incio a aquelas familias que non atopan prazas para deixar aos seus fillos en garderías.

Publicado o

- Advertisement -

O Punto de Atención á Infancia do Incio poñíase en marcha no 2010, 3 anos despois pechou as súas portas porque non tiñan matrículas, a realidade era que non había nenos. “O último ano xa tiñamos únicamente un neno coa obriga de ter dúas persoas contratadas e terminou por facerse inviable. Non era viable para o concello nin para o propio rapaz porque un dos obxectivos destes centros tamén é que os nenos socialicen con outros nenos”, comenta a alcaldesa do Incio, Laura Celeiro.

O Incio é un exemplo, como moitos outros, de despoboamento do rural, envellecemento da poboación e ausencia de nacementos. As terras do Incio que estiveron poboadas desde a prehistoria están agora máis soas que nunca. No 1940 o Concello do Incio chegou a ter case 9.000 habitantes, o ano que máis, segundo o INE. No 2017, segundo o padrón municipal eran de 1.667 habitantes. Para Laura Celeiro falar da reapertura do PAI é motivo de ilusión, “agora temos un pequeno repunte da natalidade. Fixemos un sondeo, os pais estaban interesados e fixemos 5 matrículas e con esas 5 matrículas comezamos outra vez; 4 son do concello e 1 vén do Concello de Samos e para xaneiro incorpórase outro máis”.

PAI Incio / XdL

Explica Laura Celeiro que cando o centro se quedou cun único neno, solicitouselle á Xunta, un cese temporal, situación na que estaban ata este mes de novembro. “No  momento que houbo estas solicitudes e esta inquedanza nos pais, comezamos co proceso selectivo, contratamos o persoal, mandamos a información para Santiago e autorizáronos a volver a abrir. Agora mesmo abrimos 6 horas”.

A alcaldesa está orgullosa das instalacións e lembra que foi moi triste ter que pechalas, “foi unha decisión moi dura porque para un alcalde sempre é duro ter que pechar un servizo, pero naquel momento era a única saída porque non tiñamos ningunha solicitude”.

Laura Celeiro, alcaldesa do Incio / Foto: L.C.

Agora o caso é o contrario, hai nenos no concello para aguantar o servizo, ademais dos nenos de concellos limítrofes, que tamén poden usar as instalacións. Parece que agora o vento sopra a favor, “viñeron pais e nais a falar comigo porque estaban interesados no servizo. Temos 5 nenos matriculados e a previsión é que este número aumente. É un repunte con respecto á situación que tiñamos e é moi satisfactorio. Tamén é a promesa cumprida, hai solicitudes, abrimos.”

Na aposta do concello do Incio por dar as maiores facilidades á xente do municipio con nenos, ademais do PAI; o Incio conta desde fai 2 anos co programa preescolar na casa, que se ofrece na gardería un día á semana.

PAI Incio / XdL

Nas cidades e vilas as prazas de gardería son insuficientes, quizais se poida invertir a tendencia de abandonar o campo e marchar para a cidade, porque agora o campo ofrece outros alicientes e moita xente quere regresar a outro modo de vida máis humanizado e próximo á natureza.  A alcaldesa do Incio ten a esperanza de que o PAI funcione por moitos anos e o faga ao 100%. “Se fora con nenos nacidos no concello sería perfecto, pero estamos abertos a que veñan nenos de concellos limítrofes como A Pobra do Brollón, Samos, Sarria ou Monforte que nos seus lugares de orixe non teñen o servizo ou teñen problemas para acceder a unha praza, co trastorno que esto supón para os pais e nais”.

A alcaldesa de Incio anima aos interesados a coñecer o centro e informarse “Que nos chamen ao concello, que falen con servizos sociais e informaranos do que se necesita para matricular ao cativos no Incio. E se queren coñecer as instalacións encantados as ensinamos”.

PAI Incio / P.C.

O problema de base era, como dixemos, o despoboamento do rural; preguntámoslle a alcaldesa do Incio que pode facer un concello como o seu para frear esa tendencia, “para un concello como o noso é moi difícil crear medidas que fomenten o asentamento dos nosos mozos no rural, debería de ser unha administración con máis medios, como a Deputación ou a Xunta. O que si podemos facer desde os concellos é apoiar aos mozos e mozas emprendedores, que aposten por emprender aquí. O concello debe de estar do lado da xente que emprenda. Nós desde o concello tamén apostamos sempre por ofrecer cousas para os máis cativos e fomentar que as familias sigan vivindo no Incio. É fundamental apoiar aos nosos cativos porque eles van ser a esperanza do mañá”.

ÚLTIMAS

Premios da XXVIII Cata do Viños da Ribeira Sacra

Este venres pola tarde levouse a cabo a entrega de galardóns da XXVIII Edición...

Máis fondos para mantemento de camiños rurais reclama o PP de Monforte

Os camiños rurais, explican desde o PP; son esenciais para vertebrar e conectar núcleos...

Fin de semana de festas patronais en Oural

A Xunta de Galicia colabora coas festas patronais de Oural, en Sarria, que se...

Carrilanas e xogos tradicionais en Folgoso do Courel

Un ano máis, o Concello de Folgoso do Courel dedícalle unha xornada ás tradicións...