InicioPolíticaO desdobramento do corredor entre Sarria e a Pobra de San Xiao...

O desdobramento do corredor entre Sarria e a Pobra de San Xiao estará listo no 2022

Suporá o primeiro tramo de autovía entre Lugo e Monforte. A Xunta anunciou que será a primeira vía de alta velocidade con valos reforzados para evitar accidentes de xabaríns.

Publicado o

- Advertisement -

O primeiro tramo da autovía entre Lugo e Monforte estará lista en xuño de 2022, segundo a Xunta de Galicia. Concretamente, correspóndese co tramo resultante do desdobramento do corredor C.G 2.2 entre A Pobra de San Xiao e Sarria (entre os quilómetros 13 e 24).

Así o anunciou esta mañá en Lugo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que compareceu acompañada polo xefe da Axencia Galega de Infraestruturas nesta provincia, Gerardo Pallares, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro. Informaron de que a obra saíu a licitación hoxe mesmo, cun orzamento de 24,6 millóns e un prazo de execución de 24 meses a contar dende que se formalice o contrato.

De acordo co cronograma establecido pola propia Consellería de Infraestruturas, as empresas interesadas teñen agora ata o 17 de febreiro para presentar a súa oferta, co obxectivo de que as obras comecen en xuño deste mesmo ano e estean rematadas no mesmo mes de 2022.

Gerardo Pallares confirmou que, en paralelo, está xa en marcha o levantamento de actas previas para a ocupación das 72 parcelas afectadas por esta obra, cuxo custo de expropiación custará 257.000 euros.

O “PEOR TRAMO “DO CORREDOR

O motivo polo que se elixiu este tramo para iniciar as obras de desdobramento da Vía de Altas Prestacións en autovía débese a que “é o peor tramo” do corredor no que se refire a “nivel de servizo e a velocidade media”: a “orografía é difícil”, a pendente media rolda o 3 % e apenas hai lugares para realizar adiantamentos en condicións de seguridade.

Tamén se tivo en conta, neste caso, o notable incremento de tráfico que experimentou esta vía, dado que no ano 2009 era de 6.000 vehículos diarios, pero en 2018 subiu a case 7.500 automóbiles ao día.

VALO ANTI XABARÍNS

Entre outras características, esta será “a primeira autovía da Xunta con valo reforzado”, explicou a conselleira, para evitar os habituais accidentes cos xabarís.

Pallares precisou que a colocación deste tipo de valos pretende, precisamente, obrigar os xabaríns e outras especies salvaxes a utilizar os pasos de fauna habilitados ao longo do trazado, de modo que se reduza o impacto ambiental e se incremente a seguridade dos usuarios da vía.

ÚLTIMAS

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...

A Xunta reactiva as notificacións para queimas agrícolas

A Xunta de Galicia decidiu volver activar os permisos para queimas agrícolas de particulares....