InicioCulturaXurxo Souto inaugura o ciclo "Cos pés na terraza" na Pobra do...

Xurxo Souto inaugura o ciclo “Cos pés na terraza” na Pobra do Brollón

O polifacético artista galego actuará o mércores 31 de xullo na terraza do restaurante O Fogón, en Cereixa, no que será o primeiro de cinco concertos que organiza o concello da Pobra do Brollón este verán.

Publicado o

- Advertisement -

Na Pobra do Brollón non paran de darlle á cabeza e veñen de presentar un programa de actividades culturais e de lecer moi amplo para todos os públicos.

Dentro dese programa, e pensando na ambientación musical, este mércores empeza “Cos pés na terraza”, un ciclo de concertos que terán como escenario as terrazas de diferentes establecementos de hostalería locais. Para inaugurar o mesmo estará nada máis e nada menos que Xurxo Souto e faráo na terraza do restaurante O Fogón de Cereixa ás 21:00 h.

O músico, escritor e dinamizador cultural en xeral, ofrecerá un espectáculo que mestura música e cancións con historias de mariñeiros galegos que foi recollendo ao longo da súa traxectoria artística durante varias décadas.

A continuación, dentro do mesmo ciclo e para apuntar na axenda de agosto, o día 7 estará O Leo i Arremecághona no Bar O pirata, o día 14 Xosé Constenla no Bar Avenida, o día 21 Pardo ambientará o Restaurante 1º de maio e pechará o artista local e compoñente do grupo Los Árboles, Ale González, o 28 na Cantina de Julia.

Segundo indica Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura da Pobra do Brollón “buscamos que os guímaros e guímaras gocen dun verán alternativo con cultura de calidade e para todos os públicos. Ademais, pensamos que a nosa oferta tamén pode atraer a público doutros concellos da contorna”.

Cartel ‘Cos pés na terraza’

Outras alternativas para o verán

Ademais deste ciclo musical, a oferta da Pobra do Brollón inclúe outras interesantes propostas relacionadas co cinema e a narración oral.

Na Área Recreativa de Samugueiros proxectaranse filmes como O Apóstolo –1 de agosto, a película gañadora dos Premios Goya, Campeones -día 8-, Pelegrinaxes -día 15-, Ralph rompe internet -22 de agosto- e The Way –día 29-.

Tamén dentro da disciplina do audiovisual está enmarcado o pase da curta documental “La Niña Bonita” que trata sobre as dificultades vitais dos refuxiados. O pase terá lugar o vindeiro 3 de agosto na Casa da Cultura Olga Novo ás 20:00 h. A entrada vale 2 euros e a recadación íntegra para a ONG Acnur.

E pensando nos máis pequenos e pequenas, unha interesante proposta narrativa, o espectáculo “Sen barreiras” da contadora Charo Pita. Será o vindeiro 5 de agosto ás 11:30 h. na Casa da Cultura.

O verán cultural completo ‘na Guimaralia’ está detallado na web do Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...