InicioCulturaAs carrilanas do Courel quentan motores

As carrilanas do Courel quentan motores

Este sábado 21 de xullo celébrase a Festa da Cultura e a Tradición en Folgoso do Courel. Un encontro festivo no que as carrilanas e o campionato de xogos tradicionais son os protagonistas.

Publicado o

- Advertisement -

Estas montañas, que van camiño de ser Xeoparque Mundial da UNESCO, serán un ano máis testemuñas dun evento que pon en valor dous conceptos moi nosos, a cultura popular e a tradición.

Unha das actividades máis esperada é a baixada de carrilanas que terá lugar o sábado ás 12:30 h. cun percorrido que comeza no antigo colexio e remata na Praza de Fondo de Vila. Cada ano hai máis atrevidos que preparan con dedicación e moita ilusión o seu vehículo para poñelo a proba na espectacular baixada de Folgoso e diante da atenta mirada de veciños e curiosos. Non se trata de competir, máis ben de facer un bo papel, pasar un rato divertido, intentar rematar o percorrido e que o vehículo chame a atención.

Segundo nos relata Dani, un dos participantes deste ano xunto co seu fillo, “hai anos con bastante concorrencia, nunca se sabe os que virán”. “Este ano, por exemplo, nunha aldea hai un veciño que igual trae el só cinco carrilanas” engade.

“Quen non tivo unha carrilana de pequeno” relatan os vellos do lugar. As carrilanas están moi presentes na tradición galega e moitas vilas de Galicia realizan demostracións e competicións destes bólidos de madeira sen motor. No Caso de Folgoso do Courel trátase o evento como unha demostración ou exhibición do bo traballo dos participantes pero nunca como competición, de feito non hai premios.

Rematada a baixada das carrilanas a xente diríxese ao fermoso Souto da Carroza onde ás 14:00 h. ten lugar a apertura da Feira de Artesanía e a exposición de xogos tradicionais. Moitos asistentes aproveitan xa para levar comida e infraestrutura para quedar a xantar á sombra dos castiñeiros.

A partir das 16:00 h. celébranse diferentes campionatos de xogos tradicionais, o que veñen a ser como unhas olimpíadas rurais. Así, podemos atopar “deportes” como o arrebolamento de sacho, a chave, a billarda ou outros tan curiosos como lanzamento de boina e corte con tronzón por parellas. Ao final danse unhas condecoracións simbólicas aos tres primeiros de cada disciplina.

Arrebolamento de sacho / Asociación A Coroa

Seguindo coa programación para as 20:00 h. está prevista a preestrea da curta “Mouras” -ambientada no misterioso Val das Mouras- da directora Olga Osorio. A continuación haberá unha cea popular amenizada polo grupo de música tradicional “Érbedo” e xa como fin de festa ás 23:00 h. verbena co grupo Punto Clave.

ÚLTIMAS

“Outlet de Inverno” en Sarria, os día 1 e 2 de marzo

Durante eses días, preto dunha trintena de establecementos de ACES participarán nunha campaña de...

Cales son as prioridades do orzamento do novo goberno para Quiroga?

No caso do servizo municipal de auga, co inicio das choivas de outono a...

Máis de 200 persoas inscritas para a carreira Xacorun Sarria que se celebra o 3 de marzo

A Xunta apoia un ano máis a iniciativa Xacorun, unha carreira entre Sarria, Paradela...

IGV demanda medidas “ante a crise de produtores de uva na Ribeira Sacra”

Interior Galego Vivo explica que "hai unha crise de excedentes de uva na DO...