José Mouriño Cuba este venres no Ateneo Casino co seu libro sobre a D.O. Ribeira Sacra

O Ateneo Casino de Monforte acolle este venres día 21, ás 20.00 horas, o acto de presentación do libro Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad, de José Mouriño Cuba, que documenta a recuperación e transformación da actividade vinícola desde os anos 80 ata a creación da D.O. Ribeira Sacra.

Ribeira Sacra e Mouriño Cuba

Mouriño realiza en Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad unha radiografía do contexto social, económico, político e administrativo do territorio que hoxe integra a Ribeira Sacra, para dar testemuña das dificultades que houbo que sortear e das accións encamiñadas a ilusionar e obter a confianza de viticultores e adegueiros para apostar por unha produción autóctona, diferenciada e de calidade.

José Mouriño Cuba exerceu ata a súa xubilación como xefe do Servizo de Control de Calidade e Industrias en Lugo. O autor conta como foi a recuperación do viñedo na Ribeira Sacra en primeira persoa, xa que foi responsable do equipo técnico que liderou o proceso que culminou na creación da Denominación de Orixe nos anos 90.

Xunto ao autor, participarán no acto de presentación a concelleira de Cultura do Concello de Monforte de Lemos, Marina Doutón; o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela; e a directora de Belagua, Edurne Baines. A entrada ao acto é libre, previa reserva no teléfono 648 435 033 (por WhatsApp preferentemente).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here