Encontro coa maxia en Sarria

Do 16 ao 19 de agosto terá lugar o XIII Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria. Roberto Lolo, mago local e coordinador deste evento que organiza o concello, cóntanos algúns detalles.

Festival de Maxia de Sarria 2017. Foto: Roberto Lolo

O evento reúne estes días a diferentes magos e magas contrastados/as como Mago Rafa, José Rivera, Dania Díaz, Fernando Arribas, Mago Joel de Cuba ou Dani Polo, entre outros, que presentarán os seus espectáculos en diferentes localizacións da cidade. Haberá maxia infantil, maxia familiar, maxia de preto, galas unipersoais, galas colectivas e tamén conferencias para profesionais da maxia. Sarria respirará unha atmósfera máxica coa que gozarán os seus habitantes e todos aqueles que estean de paso ou se acheguen expresamente.

Para coñecer algúns detalles deste festival falamos co seu coordinador, Roberto Lolo.

Roberto Lolo nunha das actuacións do Festival 2017. Foto: Roberto Lolo

Como naceu a idea de crear este evento hai xa 13 anos?

Porque me criei en Sarria onde sempre me trataron cun agarimo inmenso e é a miña maneira de devolverlles todo ese agarimo. Ao dedicarme á maxia, que é algo que sempre crea unha ilusión e ledicia, parecíame perfecto facelo aquí e que o gozase todo o mundo.

Os diferentes gobernos de Sarria apoiaron por igual cando lles tocou?

Non, uns mais e outros menos… pero isto é por e para a xente de Sarria e a xente vén velo desde calquera parte. Hai que facelo con enerxía, co que se poida ou teña e que ninguén quede sen un sorriso.

Que impacto económico ou promocional ten para a cidade?

Non podo calibrar iso con exactitude… Vén moita xente de fóra a velo, co cal iso xa é bo, e deixan o seu diñeiro aquí durante eses días. A nivel promocional detecto durante todos estes anos que fóra de Galicia coñécese este festival. E cando viaxo tenme ocorrido que ao dicir que vivo en Sarria, contéstanme “onde se fai un Festival de Maxia moi coñecido?”  sen saber que son eu quen o organiza (risas).

Es coordinador desde a primeira edición? Como evolucionou a xestión do certame estes anos?

Si, son o que coordina todo desde a primeira edición, trece anos ininterrompidos, xa que foi unha idea persoal miña. E a evolución é como sempre, cada ano un pasiño máis, mellorando constantemente e tentando facer as cousas o mellor posible. É impresionante o agarimo que demostra a xente polo festival.

Que criterio ou criterios se seguen para confeccionar a programación e o cartel de convidados? 

Guíome polo meu instinto, mesturando diversas ramas do mundo da maxia, tirando de bos amigos, artistas máis ou menos populares ou de moda, pero sobre todo baséome en que sexan todos boa xente, boas persoas. E dá a casualidade que tamén son grandes artistas (risas). Como economicamente é imposible chegar a pretensións que todos se merecen, polo menos que sexa a amizade, o compañeirismo e as ganas de estar en Sarria, as que predominen. Todos eles, queren estar aquí e son felices de estar… Non podo estar máis agradecido a cada un deles, polo esforzo que fan. A maxia existe.

Resulta difícil escoller e conseguir traer a Sarria aos mellores magos do momento?

Cando non os coñezo persoalmente, costa máis… pero no momento en que falo con eles, acontece a maxia e resúltame doado convencelos (risas)

Poucas magas no cartel, poucas magas tamén no gremio en xeral? 

Hai poucas magas no gremio en xeral, pero iso vai cambiando e cada vez hai máis… do mesmo xeito que hai moita xente nova que empeza a dedicarse á maxia desde moi temperá idade. Todo isto garante un futuro prometedor neste universo tan apaixonante que é a maxia.

Que ‘grandes nomes’ e que ‘magos emerxentes’ temos este ano?

Todos son grandes nomes e grandes artistas. Menciónoche a dous, por ser a primeira vez que están aquí, Yann Fisch Campión mundial da FISM e Dania Díaz Finalista de Got Talent España 2018… pero todos son magníficos.

Galicia pode presumir de profesionais de nivel ou aínda hai camiño por andar?

Galicia ten un nivel top na Maxia, pero eu sempre digo que hai camiño por andar, non te podes relaxar xamais e hai que aprender constantemente.

O programa ao detalle pódese consultar na páxina web do Concello de Sarria.

Charla para profesionais da maxia (2017). Foto: Roberto Lolo

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here