Este sábado 14 a partir das 19:30 h. a banda ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’ actuará na Cruz do Incio, concretamente no local de usos múltiples –antiga nave gandeira–. Este grupo caracterízase, ademais de por facer música cento por cento en galego, por recoller clásicos populares da nosa tradición e darlles un toque particular con versións moi animadas, letras pegañentas e empregando diferentes xéneros musicais como por exemplo o rock, o rap e o reggae.
Na mesma localización, o domingo 15 actuará o Mago Rafa de Lugo. Chega ao Incio co espectáculo ‘A nova maxialidade’ que está programado para as 19:30 h.
VINDEIROS ESPECTÁCULOS
O sábado 21 estará no Local de usos múltiples do Concello do Incio ás 19:30 h. o popular Paco Nogueiras. Este animador musical que causa sensación entre a cativada de toda Galicia trae a estas terras o seu espectáculo “Brinca vai!”. A proposta de animación infantil está baseada no CD-DVD co mesmo nome que contén diferentes temas que ademais de divertir aos máis pequenos contribúen a conciencialos sobre diferentes temas como as tradicións, a convivencia, a diversidade, o ecoloxismo, o galego, etc.
Rematando agosto, o día 28 ás 19:30 h. estará Pedro Brandariz co espectáculo “Pedro Brandariz: o musical?” Todo está preparado para interpretar un ‘gran musical’ pero empezan a suceder feitos inesperados…
AXENDA PARA SETEMBRO
En setembro a axenda de actividades trasladaranos ao Local Social de Vilademouros. Nesta parroquia do Concello do Incio haberá unha representación teatral o día 5 ás 18:30 h. Trátase da obra “Empanadilla da casa” de Migallas Teatro.
E para rematar o ciclo de actividades culturais e de lecer deste verán 2021, o 25 de setembro, tamén no local de Vilademouros –exterior–, haberá un espectáculo de trapecio. Será ás 18:00 h. e leva por título “Desastronauts. Máis alto aínda”.