HomesociedadeA familia de Pepiño moi agradecida e sorprendida pola repercusión da exposición...

A familia de Pepiño moi agradecida e sorprendida pola repercusión da exposición de pintura na Biblioteca Municipal de Escairón

Falamos con Mari Carmen, irmá de José Losada, máis coñecido como ‘Pepiño’, da espectacular acollida que tivo a súa mostra de traballos de pintura que se puideron ver neste edificio público durante os meses de agosto e setembro.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

José Losada, ‘Pepiño’ para os amigos, é un veciño de Escairón moi popular no Concello do Saviñao e na súa contorna polo seu carácter aberto, sociable e falangueiro.

Entre outras afeccións, dende hai anos traballa especialmente unha delas, a pintura. Vai a clases e xa ten unha produción interesante de obras realizadas, feito que lle deu unha idea a Mónica, a bibliotecaria municipal de Escairón. Propúxolle dar a coñecer os seus traballos na Biblioteca e a cousa foi para adiante tendo lugar a inauguración da exposición o pasado 5 de agosto. A mostra ‘Pepiño’ estivo accesible ao público ata finais de agosto mais dado o éxito de visitas mantívose ata setembro.

Pepiño e a súa familia quedaron moi sorprendidos pola resposta do público á exposición, e o libro de visitas seica se encheu de felicitacións. Todo isto provocou unha enorme ledicia para o protagonista e moita satisfacción e sentido de agradecemento para a familia. “El está moi feliz porque se ve moi querido”, comenta Mari Carmen, unha das súas irmás coa que aproveitamos para falar sobre o protagonista.

Dende cando pinta Pepiño?

De pequeno xa lle gustaba colorear e dende hai uns anos vai a clases de pintura. Xa ten estado con varios profesores.

Que temas lle gustan máis?

Gústalle pintar animais, flores, cadros abstractos e mulleres…

Algún pintor ou pintora famosos nos que se inspire?

Gústalle facer “réplicas ao estilo del” de obras de Van Gogh, Picasso ou Miró.

Algunha curiosidade nas súas obras?

Pois por exemplo que é moi afeccionado do Atlético de Madrid. Ten pintados o xogador Fernando Torres, o escudo e o adestrador Simeone. Mira se lle gustan eses cadros que nin os quería expoñer.

Cadros de Pepiño dedicados ao Atlético de Madrid. Foto: Biblioteca Municipal de Escairón.

Vendeu algún cadro?

Algúns amigos mercáronlle algún, pero a un prezo simbólico.

A iniciativa de facer a exposición foi de Mónica, a bibliotecaria de Escairón, verdade?

Si e estámoslle moi agradecidos toda a familia.

Como viviu Pepiño o éxito da inauguración e de visitas?

Moi feliz porque se viu moi querido. Na inauguración estaba sorprendido ao ver tanta xente, quería contentar a todo o mundo… se fora por el daríalle un cadro a todo o mundo.

Inauguración da exposición de pintura. Foto: Biblioteca Municipal de Escairón.
Varios cadros de Pepiño na exposición. Foto: Biblioteca Municipal de Escairón.

CARTA DE AGRADECEMENTO

Para agradecer a reacción da xente interesándose pola exposición e o agarimo trasladado a Pepiño, as súas irmás fixeron pública esta carta:

Grazas por acompañar a Pepiño

Pepiño e as súas irmás queren agradecer sinceramente a todas as persoas que viñeron ver as súas pinturas e compartiron este momento especial con el.

Esta exposición significou moito para Pepiño. Ver a tanta xente interesada nas súas pinturas, recibir palabras amables, sorrisos e mostras de apoio foi unha experiencia que levará sempre no corazón.

Queremos agradecer especialmente á súa profesora por estar ó seu lado e apoialo con tanto afecto; ás súas compañeiras de clase polo seu apoio incondicional; ó Concello e a todo o seu persoal por facer posible esta exposición e pola proximidade; e, dun xeito moi especial, á bibliotecaria pola súa dedicación, a súa atención e por conseguir que Pepiño puidese vivir isto con tanto entusiasmo e sentirse tan apoiado durante todo o proceso.

Quédanos algo moito máis importante que unha exposición: os encontros, as conversas, os sorrisos e todo o cariño que recibiu Pepiño.

Grazas a todas as persoas que viñestes, ás que preguntastes por el e a todas as que, dun ou doutro xeito, formastes parte deste momento e difundistes este evento.

Levamos un recordo precioso e, sobre todo, a sensación de que a arte do Pepiño chegou ao corazón de moita xente.

Grazas de corazón. 

ÚLTIMAS

Diego Vallina sobre o  pan de Siós: “cando chego ao Gadis case mo quitan das mans”

Cada día quedan menos panaderías como as de antes, que cozan en fornos de...

Do 26 ao 30 de outubro Quiroga organiza un curso de introdución á lingua e cultura galegas

O Concello de Quiroga contará cun curso de iniciación ao galego especialmente indicado para...

A Deputación inviste na provincia 3,2 M€ en axudas directas ao deporte de base

O servizo de Deportes tramitou as 55 axudas nominativas consignadas nos orzamentos de 2025:...

‘Éxitos da música galega’ na Casa da Memoria de Bóveda

Os amantes da música galega, especialmente deses temas que temos gardados na memoria e...