Este circuíto de cinema galego comezará en marzo e proxectará unha película ao mes en cada unha das localidades. A colaboración consolida e amplía unha iniciativa que se puxo en marcha xa o ano pasado, con moi boa acollida entre o público, e que ten como obxectivo ofrecer unha programación estable de cinema en galego en concellos que non teñen salas comerciais.
En cada localidade, proxectaranse oito longametraxes: as catro finalistas ao premio á mellor longametraxe de ficción e as catro finalistas na categoría de mellor documental, que se coñecerán no mes de febreiro.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, valorou “a continuidade desta colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, que se amplía con respecto ao ano pasado, chegando a dúas localidades máis e con máis filmes, e que contribuirá á difusión e ao recoñecemento do cine feito no país”.
A deputada de Cultura incidiu tamén na aposta por “achegar o cinema a localidades que non dispoñen de salas comerciais e que, con actividades coma esta, contarán cunha programación regular e de calidade no ámbito audiovisual” e agradeceu “a colaboración das asociacións e concellos para levalas adiante”
Pepe Coira explicou que esta colaboración coa Vicepresidencia da Deputación incide nos obxectivos fundamentais da Academia Galega do Audiovisual: contribuír á difusión do audiovisual galego e achegar as películas galegas ao seu público natural.
Ademais reivindicou “o consumo comunitario de cine”. “Vemos máis cine que nunca pero adoitamos velo na casa, e nos entendemos que é necesario manter o consumo en salas, por iso agradecemos o interese das institucións e das asociacións con este ciclo”.
Na presentación participaron tamén representantes dos concellos e asociacións que colaboran no ciclo, entre eles, o alcalde da Pobra do Brollón, Xose Lois Maceda; Luis Díaz Abad e José López Campo, do Cineclube Leslie Nielsem de Sarria, e Marisa Barreiro, do Instituto de Estudos Chairegos. Tamén colaboran coa iniciativa a Concellería de Mocidade de Foz e Airoá Comunicación de Chantada.
A Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha unha web ciclomestremateo.gal na que consultar toda a información do ciclo: películas que compoñen a programación, salas de proxección, noticias e actualidade.