HomeCulturaO Fancine de Lemos medra un pouco máis

O Fancine de Lemos medra un pouco máis

O Festival de Cine Fantástico e de Terror, que acollerá a cidade do Cabe entre o 6 e o 10 de xullo deste ano, presentouse este mércores 27 de abril no Concello de Monforte. Na que será a súa VIII edición expándese á Pobra do Brollón, aumenta o apoio económico do concello e incorpora unha achega de 5.000 euros da Deputación de Lugo.

Publicado o

- Advertisement -

A presentación oficial do VIII Fancine de Lemos tivo como anfitrión ao rexedor municipal, José Tomé, que estivo acompañado polo director deste Festival, o monfortino Iván Patiño, e pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

O Alcalde comezou a súa intervención salientando a consolidación deste Festival co cal “achegamos a cultura á xente de Monforte, pero tamén á xente que decide visitarnos durante o verán, xa que a realización deste evento contribúe a traer visitantes afeccionados ao cinema”.

Quixo tamén comentar que un dos atractivos deste Festival é a posibilidade de ver cine ao aire libre, neste caso, no parque dos Condes. “É un xeito diferente para gozar das películas, especialmente na época de verán en que se celebra o Festival”, dixo.

A continuación, o rexedor monfortino informou das datas de celebración, do 6 ao domingo 10 de xullo, así como tamén da temática deste ano, a relación que teñen o cinema e os videoxogos, e de dúas homenaxes a clásicos do cinema fantástico: o 20º aniversario da película “Resident Evil” e o 40º aniversario da película “Tron”.

O concurso de curtametraxes, como é tradicional, será o eixo principal do Festival, pero tamén haberá proxeccións de longametraxes e actividades paralelas como masterclass, obradoiros de maquillaxe, concertos e unha interesante exposición sobre videoxogos que levará a cabo a asociación MUVI, primeiro museo de videoxogos de Galicia.

O pais convidado este ano será México, do que se proxectará unha mostra do cinema fantástico que se fai nese país, e dentro da programación deste ano incluirase unha homenaxe á figura de Jose Luís Montero, natural de Monforte de Lemos e que dedicou gran parte da súa vida a coleccionar material único da historia de Monforte, moito de carácter cinematográfico.

APOSTA ECONÓMICA PENSANDO NA REPERCUSIÓN PARA A RIBEIRA SACRA E PARA MONFORTE

A traxectoria do Fancine de Lemos ten un avance constante e nestes últimos anos está apostando por medrar en espazos, integrando outros concellos para o desenvolvemento da súa programación. Como lembrou o alcalde monfortino “o festival segue a apostar forte pola idea de converter a Ribeira Sacra nun espazo onde o cinema e a sustentabilidade nos sitúe entre os festivais de xénero máis importante de Galicia, como tamén vimos facendo desde a Deputación de Lugo, que aposta por converter á provincia nun plató de cine, algo que xa está facendo a través da concesión de axudas a diferentes películas e series”.

Vendo, pois, que o obxectivo que formula a nova estratexia do festival converxe coas intencións do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo, este ano o apoio económico será maior, nunha decidida aposta por ver medrar este certame cinematográfico e “converter a Monforte eses días no epicentro do Cine Fantástico e de Terror”. A achega económica directa que anunciou Tomé Roca será de 10.000 euros en total, 5.000 do concello e 5.000 da Deputación de Lugo –o pasado ano a achega do concello foi de 3.500 €–. Como axuda indirecta lembrou a cesión de balde da Casa da Cultura, o Parque dos Condes ou a Praza de España.

INTERVENCIÓN DE IVÁN PATIÑO

Iván Patiño, director do Fancine de Lemos, empezou agradecendo o apoio de Concello e Deputación para facer posible que o festival dea “un salto cualitativo e cuantitativo para convertelo nun dos punteiros en Galicia no seu xénero”.

A continuación falou do cartel, un deseño que sitúa a Monforte nun espazo virtual onde a Torre da Homenaxe xoga un papel central. O deseño é da artista lucense Isabel Vila Díaz e, segundo explicou Iván Patiño, trátase dunha homenaxe ás consolas e videoxogos antigos, pois a Torre imita o logo de Hatari. “O cartel converte a Monforte nunha realidade virtual, en consonancia co lei motiv da edición deste ano”, dixo.

A continuación adiantou a proxección das longametraxes “Resident Evil”, da que se cumpre o seu XX aniversario, e “Tron”, que alcanza o XL aniversario; e tamén que o Fancine contará coas películas galegas “Melancolía”, de Alfonso Zarauza, e “Jacinto”, de Javi Camino.

A falta de pechar oficialmente o programa, Iván Patiño adiantou que esperan recibir unhas 300 curtametraxes a concurso, das cales teranse que seleccionar unhas 24, que serán as que se proxecten.

Intervención de Iván Patiño, director do festival. Foto: XdL

NOVOS ESPAZOS E ADIANTO DE ACTIVIDADES PARALELAS

O Festival  segue a apostar pola incursión de novos concellos con espazos únicos. Monforte seguirá sendo o eixo das actividades ofertando cinema ao aire libre no Parque dos Condes e proxeccións e outras actividades na Casa da Cultura Lois Pereiro, no Ateneo Casino e nos Multicines Hollywood.

O ano pasado incorporábase o Concello de Sober como espazo, concretamente a Adega Algueira, e este ano entra como escenario A Pobra do Brollón, concretamente o lugar emblemático das Adegas de Vilachá de Salvadur.

Un dos puntos fortes do Festival que mencionou Patiño será a colaboración con MUVI, O museo de Videoxogos de Galicia, ubicado en Cangas do Morrazo, que levará a cabo os días do festival diversas actividades que irán dende exposicións, obradoiros ou charlas, “para achegar o coñecemento dos vellos videoxogos ás novas xeracións”.

Tamén adiantou a incorporación dun obradoiro de maquillaxe de FX a cargo dunha rapaza de Quiroga, Zeltia Mateo; a intervención do youtuber galego “Recuncho gamer”, que falará do mundo dos videoxogos e co que se fará un podcast en vivo das Adegas de Vilachá; e a particpación como xurado de Javier García Caballero, director do Festival de cinema fantástico europeo de Murcia, un xeito de intercambio para seguir facendo medrar o festival.

Cartel VIII Fancine de Lemos. Autora: Isabel Vila Díaz

HOMENAXE A JOSÉ LUIS MONTERO

Dende o Fancine, rendirase homenaxe a figura de Jose Luís Montero, natural de Monforte de Lemos e que adicou gran parte da súa vida a coleccionar material único da historia de Monforte. Moito de ese material é cinematográfico e representa un activo fundamental na historia da cidade.

Así, farase un pequeno documental que recordará a súa memoria, así coma unha pequena exposición, todo na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

O Alcalde recordou que “José Luís Montero foi unha figura clave na historia audiovisual e histórica de Monforte, que faleceu en 2021, e que doou unha colección de libros sobre Monforte ó Concello, que están expostos nunha sala da Casa da Cultura”.

ÚLTIMAS

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará con 50.000€ a continuidade do matadoiro de Sarria

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará cun achega de 50.000 euros para a...

Máis dun cento de usuarios e sen lista de espera no Servizo de Atención Temperá de Quiroga

Esta semana reuníronse no salón de plenos da Casa do Concello de Quiroga representantes...

En funcionamento a nova iluminación dos aparcamentos do complexo deportivo da Pinguela

Á nova iluminación da zona de aparcamentos do complexo deportivo da Pinguela, destináronse máis...

O Xeoparque organiza unha visita comentada na contorna do túnel de Montefurado

Este próximo sábado 14 de decembro o Xeoparque Montañas do Courel organiza unha xornada...