Dúas efemérides de 2022, o 20 aniversario da película Resident Evil e o 40 aniversario de Tron, motivaron aos organizadores a centrar a oitava edición na relación entre o cine e os videoxogos.
“O FanCine de Lemos segue a medrar e a posicionarse como festival de cine fantástico de referencia,” declara o director do festival, Iván Patiño. “Fainos moita ilusión presentar o programa desta oitava edición, na que conectamos con novas audiencias e seguimos a tender redes no territorio.”
Dous mundos conectados
O FanCine, a partir dunha colaboración coa Asociación Galega de Videoxogos, aliouse co pioneiro Museo dos Videoxogos de Galicia (MUVI) que levará a Monforte unha exposición interactiva para explorar a simbiose entre o mundo do cine e dos videoxogos.
Terán lugar ademais dúas clases maxistrais sobre videoxogos. A música e compositora de bandas sonoras, Isabel Fernández falará sobre o papel da música e o deseño do son en videoxogos. Outra clase maxistral será a cargo de Gato Studio, compañía galega de referencia no sector, creadores do popular xogo inspirado na mitoloxía celta The Waylanders.
Outros expertos e xornalistas especializados como Uroloki e Carlos Pereiro estarán presentes no FanCine participando nunha mesa redonda, ademais da realización en vivo dun podcast do Recuncho Gamer.
O cine fantástico nos lugares que merece
En Monforte de Lemos, programarase ao aire libre no Parque dos Condes, na Casa da Cultura Lois Pereiro e no Ateneo Casino. O festival volve celebrar a gala de clausura no fermoso emprazamento da Adega Algueira en Sober. Ademais, esta edición incorpora un novo espazo singular: as adegas medievais de Vilachá, na Pobra do Brollón.
“Esta ano a implicación da Deputación de Lugo e do Concello de Monforte de Lemos é total e vén apoiada por unha forte aposta económica e de xestión,” declara Iván Patiño. “Estamos moi agradecidos que se sumaran tamén os concellos de Sober e da Pobra do Brollón. É a constatación de que o festival segue nunha liña ascendente moi salientable e reforza a nosa idea de vencellar o cinema fantástico coa nosa Terra.”
Fantasía e Terror en pequenas doses
Este ano son 27 curtametraxes finalistas as que foron seleccionadas de entre os 150 traballos enviados e que competirán polos premios do público e do xurado. Os actores Chechu Salgado e Sabela Arán, mailo director do Sombra Festival, Javier García Caballero, elixirán a mellor curta nacional, internacional e galega.
Fóra de concurso, proxectaranse dúas longas mostra do prestixio e calidade dos que goza o audiovisual galego. Jacinto, do compostelán Javi Camino, tras triunfar en festivais da talla de Sitges e Austin Film Festival, trae o seu terror rural a Monforte. Unha proxección de especial relevancia por estar protagonizado polo actor Pedro Brandariz, tristemente falecido neste 2022, amigo e colaborador do FanCine de Lemos.
Malencolía, do consolidado director Alfonso Zarauza, será outros dos títulos galegos. Unha mestura de terror e comedia situada tamén no rural e con actuacións da talla de Melania Cruz e Xulio Abonjo.
A totalidade da programación do FanCine de Lemos é de balde. A información completa pódese consultar na web e redes sociais do festival.