No acto inaugural, o rexedor municipal estivo acompañado polo director deste Festival, o monfortino Iván Patiño, así como pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Tamén estivo o actor Chechu Salgado, recente gañador do Goya ó actor revelación, e a actriz compostelá Sabela Arán.
O Alcalde resaltou na súa intervención a consolidación desta mostra, “grazas á cal contribuímos a achegar a cultura ós veciños de Monforte; pero tamén á xente que decide visitarnos durante o verán. E é que a realización deste evento contribúe a traer visitantes á nosa cidade. Polo tanto, o Fancine de Lemos é un elemento máis da nosa programación do Verán Cultural, que axuda a proxectar Monforte e a Ribeira Sacra fóra das nosas fronteiras”.
O Festival segue a apostar forte pola idea de converter a Ribeira Sacra nun espazo onde o cinema e a sustentabilidade o sitúe entre os festivais de xénero máis importante de Galicia. Un dos atractivos deste Festival é a posibilidade de ver cine ó aire libre.
O Concello monfortino colaborou con 5.000 euros para o desenvolvemento do Fancine, ademais de ceder espazos como a Casa da Cultura, a praza de España ou o Cuadrado do Parque dos Condes. A Deputación provincial de Lugo tamén achegou outros 5.000€.
Antes de rematar a súa intervención, o Alcalde anunciou a estrea en primicia do documental sobre a figura de José Luís Montero, figura clave na historia audiovisual e histórica de Monforte, que faleceu en 2021, e que doou unha colección de libros sobre Monforte ó Concello. O material forma parte dunha exposición na sala da Casa da Cultura, unha homenaxe que lle rende o FanCine de Lemos en colaboración co Concello de Monforte de Lemos, e que servirá para lembrar o importante que foi José Luís Montero.
Fancine de Lemos
Este ano o festival xirará entorno á relación que teñen o cinema e o mundo dos videoxogos. Tamén, o Festival conmemorará o 20º aniversario da película “Resident Evil” e o 40º aniversario da película “Tron”.
Ademais do concurso anual de curtametraxes, eixe principal do Festival, e as proxeccións de longametraxes, o certame terá un sinfín de actividades dende masterclass, obradoiros de maquillaxe ou concertos. Este ano, o país convidado este ano será México, do que se proxectará unha mostra do cinema fantástico que se fai nese país.