InicioCultura“Castelao grafista (facsímile)” na sede de Afundación en Monforte

“Castelao grafista (facsímile)” na sede de Afundación en Monforte

A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político de Castelao, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

“Castelao grafista (facsímile)” permanecerá aberta ata o vindeiro 7 de outubro no Espazo+60 Afundación de Monforte e poderá visitarse de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 h.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a exposición “Castelao grafista (facsímile)” no Espazo+60 Afundación de Monforte, un acto no que estivo acompañado por Óscar Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlota Álvarez González, coordinadora do Espazo+60 Afundación de Monforte, a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

O Alcalde destacou, na súa intervención, a súa satisfacción porque Monforte acolla a obra “dun dos máis importantes intelectuais galegos da nosa historia, un verdadeiro humanista, dado que foi caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político.”

José Tomé amosouse coñecedor da súa faceta como político, “xa que todos os anos participo na ofrenda floral que lle facemos en Rianxo o día 25 de xullo, o día do Apostol e tamén o día de Galicia”. 

Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).

No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.

A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.

ÚLTIMAS

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...

A Subida a Taboada inaugurará o Campionato Galego de Montaña os días 27 e 28 de abril

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse este martes co...

Campaña de xuntanzas veciñais do PP de Monforte “para buscar solucións ás reclamacións de barrios e parroquias”

A Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos comeza unha campaña de...