HomeCulturaO Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge en Chantada espera abrir no...

O Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge en Chantada espera abrir no verán do 2025

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, vén de reunirse coa Asociación de Amigos Manuel Jorge de Chantada, que traballa na creación do Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge nunha vivenda do centro histórico, situada no número 7 da Praza do Cantón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Asociación de Amigos de Manuel Jorge, que adquiriu o edificio cunha achega da área de Cultura, realizou un proxecto de rehabilitación do inmoble, co obxectivo de convertelo nun centro de referencia para a creación e a divulgación artística na Ribeira Sacra, seguindo a vontade do pintor e arquitecto chantadino. O obxectivo da asociación é poder comezar as obras de restauración neste 2023 e que o Museo abra as súas portas antes do verán do 2025.

Durante a visita ao futuro museo, Maite Ferreiro valorou “o esforzo da asociación para sacar adiante un proxecto que dará maior visibilidade á obra de Manuel Jorge e actuará tamén como espazo de inspiración e acollida para artistas contemporáneos” e sinalou “a necesidade de que este tipo de centros artísticos teñan presenza en todo o territorio, non só nas cidades”.

Manuel Jorge naceu en Chantada (Lugo) en 1929. Foi un arquitecto de gran recoñecemento no Mediterráneo e durante décadas pintou na intimidade do seu estudo sen amosar os seus cadros. Afortunadamente, ao final da súa traxectoria sacou á luz unha obra única, diversa e profunda coa que reconectou con Galicia e a súa vila natal.

Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge visita de Maite Ferreiro / Vicepresidencia Deputación

Coas súas construcións Manuel Jorge moldeou a paisaxe e o patrimonio da Marina Alta alacantina, defendendo a integración na natureza, cos volumes e a luz como claves da súa arquitectura. Na pintura transitou por diversos estilos deixando un legado de máis de dúas mil pezas que, tralo seu falecemento no 2020, cedeu á Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada creada no 2017.

Un ano despois, a Rede Museística Provincial colaborou na organización dunha gran mostra retrospectiva que colocou a Manuel Jorge por vez primeira no foco da cultura lucense e galega. Naquel momento os cadros do chantadino chegaron xa para quedarse na súa terra natal, onde se lles busca, con este proxecto, un espazo definitivo.

ÚLTIMAS

Clausúrase o Programa Integrado de Emprego de Chantada, mentres está en marcha unha nova edición para 100 persoas desempregadas

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará con 220.000 euros un novo Programa...

Falece a ‘avoa’ de Galicia con 111 anos en Monforte

A 'avoa' de Galicia, Genoveva Rodríguez Otero, faleceu aos 111 anos de idade en...

“Querémonos vivas, di non á violencia”, o Concello de Chantada presenta a campaña para visibilizar o 25N

A campaña de sensibilización do Concello de Chantada, que foi presentada pola concelleira de...

Monforte investirá 100.000€ en recuperar a histórica rúa Vella

A construción desta rúa pode datar do século XII, e probablemente ideouse para comunicar...