HomeCulturaAmbicioso programa cultural na Pobra do Brollón

Ambicioso programa cultural na Pobra do Brollón

Unha liña de subvencións xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation, fará posible que este ano haxa máis recursos económicos para confeccionar o tradicional programa cultural de verán.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O concello da Pobra do Brollón aproveita cada ano, e de xeito especial, a época estival para realizar actividades culturais e de lecer para todos os públicos. Actividades que se levan a distintas localizacións e que intentan ter unha importante presenza de mulleres artistas.

A programación vai encamiñada, en palabras do rexedor local, Xosé Lois Maceda, a “fortalecer as redes comunitarias e tamén incidir no consumo local”. Lembra tamén Maceda que a achega económica foi posible grazas á subvención “Territorio Cultura, con fondos Next Generation, e na que quedamos de terceiros clasificados entre 27 concellos”.

ACTIVIDADES QUE SE MANTEÑEN 

A programación inclúe actividades que xa se viñan desenvolvendo na acción cultural guímara como son as ‘foliadas guímaras’ das que haberá unha o 23 de xuño en Abrence, outra o 5 de agosto en Eixón e dúas máis, os días 14 de xullo e 30 de agosto, aínda por determinar que se suman ás xa realizadas no presente 2023.

Tamén continuarán os ‘Xoves culturais (que non sempre son xoves)’ cunha conversa o día 29 de xuño entre as poetas Olga Novo e María Sánchez acerca da poética do abandono da aldea e o papel da muller no mundo rural. O xoves 6 de xullo Emilio Rúa dará un concerto íntimo, ao que seguirán actividades por determinar nos vindeiros xoves.   

Emilio Rúa / Círculo Saviñao

Ciclo Mestre Mateo tamén volve a terras guímaras coa proxección de Life is Life o día 18 de xuño e o filme de animación Valentina o 2 de xullo. O ciclo continuará a partir de setembro. Fóra do Ciclo, tamén está prevista a proxección de O último de Arganeo do chantadino David Vázquez o 25 de xuño.

Asemade continúan os obradoiros de brindos iniciados este ano a través da achega Territorio Cultura. Os seguintes serán o día 3 de xuño no Furancho O Currio e 4 de agosto na Parrillada O Fogón. Os obradoiros terán continuidade o resto do ano nos outros establecementos do municipio.

NOVIDADES

O brindo terá tamén un gran protagonismo nunha das grandes novidades como é o ‘Brindadeira. Festival de improvisación oral’ que terá lugar a fin de semana do 22 e 23 de xullo na parroquia de Ferreiros, onde se sitúa Forgas, aldea dos últimos brindeiros.

O festival terá obradoiros, mostras, mesas redondas, presentacións de libros, andainas e concertos… Ademais do brindo, haberá presenza do free style, o bertsolarismo de Euskal Herria e a regueifa, con cabida por suposto para a música tradicional e o romance. 

Outra das novidades é o ‘Ciclo Novas Músicas Galegas’ onde se dará presenza a propostas novas e femininas do panorama musical galego. Catuxa Salom será a encargada de abrir o ciclo o día 1 de xullo cos seus ritmos galaico-latinos. Será seguida de Faia que traerá a súa música delicada e intimista o día 16 de xullo. Xa en agosto será a quenda de Su Garrido o día 14 de agosto, para que o 17 sexa Mounqup a encargada de pechar coa súa elegante proposta de base electrónica.

OUTRAS ACTIVIDADES

O Castro de San Lourenzo, o día 10 de agosto, será testemuña un ano máis da súa tradicional romaría, –actividade que contará con dotación da subvención Territorio Cultura– e as adegas de Vilachá acollerán dous eventos: o sábado 17 de xuño unha actividade no marco do proxecto ‘Lugares Vivos’ (pertencente á liña de activación cultural en zonas non urbanas Territorio Cultura) e outro o sábado 29 de xullo no marco do Festival 17º Ribeira Sacra.

Tamén salientable a II Convivencia Poética do Furancho O Currio que contará cun vermú artístico o día 4 de xuño, promovido polo propio furancho; o concerto de Davide Salvado o día 10 de xuño co financiamento de Vicepresidencia da Deputación de Lugo ou a celebración do Orgullo LGTBI+ ‘Terras diversas: Orgulho na Terra de Lemos’ organizado con Sete Outeiros, o venres 30 de xuño. 

Os mercados circulares, iniciativa xurdida o ano pasado, volverán o 11 de xuño día de feira, para seguir todo o verán. O 25 de xuño, no marco destes mercados terá lugar o espectáculo de rúa Jano sen Medidas para público familiar, e ao longo do verán faranse tamén obradoiros infantís.

Importante tamén para pór na axenda, a Feira Guímara, que será o sábado 8 de xullo; a Romaría do San Vitoiro, a fin de semana do 26 e 27 de agosto; e o Festival das Cores do Outono a fin de semana do 23 e 24 de setembro.

A axenda completa está accesible na páxina web do Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

O BNG insta no Parlamento arranxar de modo íntegro e real a estrada LU-651

O Bloque Nacionalista Galego instou no Parlamento arranxar a estrada LU-651 tendo en conta...

Por Chantada denuncia un ano máis a xestión do Campamento de Verán

Por Chantada-Interior Galego Vivo vén de solicitar acceso ao expediente de contratación da xestión...

Monforte desvela o cartel das Festas Patronais 2024

As Festas Patronais da cidade de Monforte, que terán lugar do 11 ao 16...

Aberto o prazo de matrícula para os Cursos de Verán do Conservatorio de Monforte

Ó igual que nas pasadas edicións, os cursos vanse desenvolver en diversas semanas tanto...