O xeodestino Ribeira Sacra no Festival Interceltique de Lorient

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra participa no Festival Interceltique de Lorient cun stand de información turística e unha pequena exposición fotográfica do xeodestino. Celébrase desde o pasado día 4 ata o 13 de agosto.

Ribeira Sacra no Festival Interceltique de Lorient / Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

Con máis de 50 edicións ás súas costas, unha media de 5000 artistas, centos de espectáculos e 750.000 asistentes, este evento é considerado como o máis importante a nivel mundial da música celta. Cada ano, e durante 10 días a principios de agosto, o festival reúne ás nacións celtas (Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Galicia, Illa de Man, Irlanda e Gales) e tamén ás “colonias celtas” (Acadia, Australia, Arxentina, Cuba e México) na vila de Lorient, na Bretaña Francesa.

O de Ribeira Sacra será o único stand de información turística de Galicia no Festival. Dous técnicos do organismo desprazáronse á vila para dar a coñecer os atractivos da nosa rexión aos milleiros de visitantes chegados de todos os recunchos do mundo.

O público francés e o británico é importante para Ribeira Sacra á hora de falar de visitantes extranxeiros, polo que a participación neste festival supón unha oportunidade para a proxección do xeodestino. 

Ribeira Sacra no Festival Interceltique de Lorient / Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here