HomeEn profundidadeDiario de inspiración: alma, arte e saúde. Sabías que os museos poden...

Diario de inspiración: alma, arte e saúde. Sabías que os museos poden sandarte?

As últimas inspiracións deste diario coa Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) comezan pola escuridade. Comezan por aí porque seguen a ser as cousas escondidas na historia as que iranse destapando ata ver a luz.

Publicado o

- Advertisement -

Escondida na historia estivo a muller e a servidume, porque os homes e os poderosos establecían as normas e escribían a historia. Desta escuridade nace Soterradas, para visibilizar o que non se contaba e hoxe no Museo de Tor este novo espazo expositivo de Soterradas amosa esa vida de Angelita sempre ao servizo do Pazo, escondida, desde abaixo. E os seus soños elévanse desde ese soto para querer saír á luz.

Soterradas non comeza aquí, é un traballo de décadas que cada vez suma máis pezas. E no Museo Pazo de Tor engade un novo espazo expositivo, Soterradas, A vida tralos labirintos mentais. A tolemia, outra desas cousas escondidas na escuridade.

Museo Pazo de Tor

E alí no lateral do Pazo está o labirinto. Esa construción que inquieta, por reto, por trascendental ou como simple xogo. Inquieta porque recoñecemos algo nel que nalgún momento nos representa, as dificultades para atopar unha saída. Desde o labirinto accedemos a ese novo espazo expositivo da man do Minotauro. Pero antes de entrar, recollo unhas palabras de Jaime Buhigas autor do libro Laberintos: historia, mito y geometría a 20 minutos, “O labirinto é un proceso, é unha viaxe, coma se fose unha peregrinación, unha viaxe interior. No centro está o Minotauro, que tamén somos nós, unha proxección das nosas partes escuras, instintivas, salvaxes, aquelas que temos que matar. A interpretación é evidente, o labirinto é introducirse no interior dun mesmo para lanzar luz nesa parte escura, salvaxe e brutal que todos temos nalgunha medida”. Non imos deixar entón que Teseo mate ao Minotauro, imos a recoñecer esas partes escuras para ensinarlles a luz.

Soterradas. A vida tralos labirintos mentais / ABF

E na casa do hortelán está o ambiente de como vivían as persoas en manicomios e como estas historias se esconderon, como a da muller da servidume. E a RMPL dálle luz ao Minotauro.

Que pasa? Que podemos facer? Fagámolo

No camiño, antes de entrar na habitación do pánico, sobre sinais de madeira, preguntas: Hai ou houbo na túa familia alguén que sufrise algunha enfermidade mental? Coñeces o día a día dunha persoa cunha enfermidade mental?… Este novo espazo preséntase como lugar de cuestionamento. Trátase de fuxir das respostas feitas e que as persoas desde o noso metro cadrado poidamos facer algo ante situacións de graves desigualdades. Que facemos cada un de nós por aceptar o diferente? …por asumilo?… Que facemos por colaborar para seguir eliminando barreiras que nos separan?

Soterradas. A vida tralos labirintos mentais

Que pasa? Que podemos facer? Fagámolo, cada un desde a nosa parceliña podemos aportar para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. Estereotipos e prexuizos contaminan e expándense como un virus. Desde a RMPL propoñen contemporaneizar os relatos, aceptar a diferenza e mirarnos a nós no labirinto.

A vida tralos labirintos mentais avanza máis alá dunha exposición para visibilizar, é unha experiencia. Como socialmente se trataron estas enfermidades e como eses estigmas hérdanse e hoxe a enfermidade mental segue dando medo e segue sendo incomprendida, á vez que se converte na enfermidade do futuro, perdón, presente.

“Antebrazos con números de serie tatuados, morte, frío e medo”, así se refire Encarna Lago aos manicomios no artigo, Desmontando a Bentham e a un sistema construtivo que condenou a tolemia á escuridade. Soterradas, a vida tralos labirintos mentais fai un percorrido por estas historias e faino porque na documentación do Pazo de Tor aparece información que convida a investigar e destapar a historia da enfermidade mental na provincia e en Galicia, por certo a segunda comunidade despois de Asturias con maior índice de suicidios.

Soterradas. A vida tralos labitintos mentais

A vida tralos labirintos mentais é experiencial. Hai que vela, lela, escoitala e sentila para entendela. E por momentos esa sensación de morte, frío e medo. E cando se usa a enfermidade como insulto. Nesta viaxe repásanse tamén todas as iniciativas que se levan desenvolto desde a área de cultura da Deputación, a través Rede Museística Provincial, para visibilizar a enfermidade mental. Como Entolearte, aquel macroproxecto artístico multidisciplinar que tivo como sede o edificio do Hospital Psiquiátrico San Rafael. Durante varios días máis dun centro de artistas interviñeron en todo o espazo unha vez pechado o hospital, no 2012. Anos despois cunha exposición de fotógrafo, Xosé Reigosa, quíxoselle dar luz á tolemia a través da arte. Tamén Encarna Lago, a xerente da RMPL, reflexionou sobre o modelo que representaba o Hospital de Conxo (Santiago de Compostela) e o modelo do Hospital de Vilapedre (Sarria) do doutor Ricardo Núñez, moito máis humanitario que ese manicomio de Bentham para esconder aos enfermos.

No 1985 co “Informe da Comisión Ministerial para a Reforma Psiquiátrica”, iníciase o progresivo abandono dos manicomios para reintegrar a estas persoas e o tratamento das súas doenzas na sociedade. Os manicomios comezan a pechar, comézaselle a dar un trato humano ás persoas que alí se encerraron.

Soterradas, A vida tralos labirintos mentais provoca distintas cousas segundo o día, na última visita lembroume a Jean Dubuffet, o creador do Art Brut, corrente libre e fóra de normas estéticas, na que entraban as artes das nenas e nenos ou dos pacientes mentais. Unha visión distinta, unha creatividade distinta, e unha forma de expresión para quen non atopa saída.

A vida tralos labirintos mentais

Dubuffet dixo: “A arte diríxese á mente e non aos ollos. A arte é un idioma, o instrumento do coñecemento, o instrumento da comunicación». Entón lembreime de Encarna Lago dicindo, “Ver ve quen ten ollos, mirar mira quen ten alma”, á hora de presentar o Programa Sabías que?, que se desenvolveu durante o mes de agosto nos museos para coñecelos doutro modo, os seus segredos e as curiosidades que agochan.

Alma, arte e saúde

Esta triloxía sempre se traballou desde os museos da RMPL, xa cumprida a maioría de idade vólvese máis contundente para converter o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Museo Pazo de Tor, en espazos de saúde.

A OMS define a saúde en 2013 como un estado de completo benestar físico, mental e social e non só como ausencia de afeccións e enfermidades. Un ano despois, a propia OMS asegura que un dos principais factores de risco para padecer un trastorno mental radica nas desigualdades sociais.

Por iso o foco desde a RMPL tíñase posto en tratar as desigualdades de forma intersectorial, de clase, de xénero, etnia, discapacidade,… A clave, a saúde. Que podemos facer para mellorala? Loitar contra as desigualdades, un dos principais factores de risco para padecer unha enfermidade mental.

A vida tralos labirintos mentais abre novas portas para o entendemento, na eliminación da desigualdade e na aposta por unha saúde integral das persoas. Ademais durante este verán a RMPL programou en todos os seus museos iniciativas que completan esta receita para mellorar a saúde. E cada viaxe, cada proposta, cada iniciativa coas distintas comunidades segue tecendo redes conforme a unha filosofía de traballo e de entender a vida, “Cando miras coñeces, cando coñeces comprendes, cando comprendes valoras, sensibilízaste, e aí aparece a capacidade de emocionar”.

Pintura e consciencia, taller con Alberto Pena

Alberto Pena traballou pintura e consciencia con nenxs e maiores; o Sacra Festival levou música, accesibilidade, igualdade, expresión corporal, natureza e sustentabilidade á mocidade que se achegou a Tor onde tamén se celebraron, como tódolos anos, talleres inclusivos coa asociación Agora de Monforte que traballa coas persoas con discapacidade. Tamén en Tor na residencia land art coñecemos o proxecto de Violeta e Rosa, nai e filla creando e a Rede conciliando, como fixo cos obradoiros “Argallando na Rede” do Museo Fortaleza de San Paio de Narla ou con toda a tripulación que subiu a bordo da programación do Museo Provincial do Mar.

Violeta e Rosa, residencia land art

E sabías que?

No mes de agosto a RMPL lanzou unha nova proposta para coñecer segredos e curiosidades dos seus museos e da nosa historia. Visitas presenciais e on line de curta duración para achegarnos aos museos dun modo diferente, non a ver, se non a mirar. “Ve quen ten ollos, mira quen ten alma”.

Xa fai que quedou atrás a escuridade e aparecen luces e esperanza. No traballo coas distintas comunidades, para darlles voz e para escoitalas, nace a web serie, “Historias Soterradas: Ronsel de Futuro” que lanzan a RMPL e a produtora Señor López Producións. Ao longo dunha ducia de capítulos, Braulio, un home saído do cárcere reincorpórase na sociedade a través da guía que lle supón a Rede Museística Provincial para entrar en contacto con outras alternativas e con eses sectores, que como Braulio no cárcere, estiveron escondidos ou non se lles prestou a debida atención. Todo o traballo da área de cultura da Deputación, a través da RMPL, é dar luz a todo iso que estaba na escuridade para poder comprendelo.

Presentación en Arxentina de Historias Soterradas. Ronsel de Futuro, capítulo “Camiños de ida e volta”

Remata o verán e con setembro a RMPL saca da escuridade aos nosos maiores, faino cunha porcentaxe 278,81%. Por cada 100 mozos menores de 16 anos, a provincia de Lugo alberga a 278 adultos maiores de 64 anos. Esa é a nosa porcentaxe de envellecemento, e é tamén a nosa porcentaxe de sabedoría. Que maior tesouro podemos ter, que vidas vividas das que poder aprender? Cada unha das nosas persoas maiores é un museo vivo.

“Re”coñecendo a sabedoría dos nosos maiores 278,81%

Para honrar ese traballo cóntase na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo coa exposición “Re”coñecer. As autoras, Concetta Montenegro que nos amosa Recendos e Luisa Paz que presenta Abstracción Lírica. Luisa e Concetta son dúas irmás xubiladas que pintan desde nenas e sempre compatibilizaron seu traballo coa formación en pintura, que foi a súa paixón motivas polo seu pai. A exposición quere recoñecer esas vidas de vocación e formación das dúas irmás.

“Re”coñecer, programa 278,81% sabedoría

O club senior da RMPL faise máis protagonista que nunca e coa bandeira da sabedoría como estandarte. O Museo Provincial do Mar celebra xornada de confraternidade coa rapazada e nestes encontros de sabedoría e aprendizaxe xeracional tamén se traballa na busca desa saúde, tamén saúde social. Benestar.

Setembro é a volta ao curso escolar e a comunidade educativa poderá traballar con todo o material e programación que xa presentara a RMPL nas xornadas pedagóxicas de maio. O mapa de Fontán e a proposta Un país no mapa seguirán dando xogo para integrar na aprendizaxe das crianzas os saberes vinculados ao territorio como algo necesario para o seu desenvolvemento e o da comunidade.

A proposta de acción é explorar, coñecer e transmitir os saberes do rural como parte intrínseca como ser comunitario. Crear sentimento de orgullo do propio nas crianzas e de pertenza a ese territorio rural, dinamizar a coooperación coas persoas que habitan o territorio. Se recoñecemos a sabedoría das persoas maiores, a rapazada merece que se incentive e fomente o seu prensamento crítico. Entendendo os museos e escolas como ferramentas de transformación social, o traballo conxunto debería acadar unha harmonía de desenvolvemento onde o medio e a persoa van parellos.

Corporizándose nos museos da RMPL

ÚLTIMAS

DeNinghures e Mondra no escenario Chantada do Festival 17º Ribeira Sacra este 28 de xullo

Os concertos do Escenario Chantada levaranse a cabo no Parque Eloísa Rivadulla, “en Chantada...

Xosé Estévez presenta o 24 de xullo en Quiroga o seu novo libro “Manuel María e o Val de Quiroga”

O historiador e profesor quirogués, Xosé Estévez, presentará o vindeiro mércores, 24 de xullo,...

Monforte inicia este luns nova campaña informativa sobre a reciclaxe da materia orgánica

Colocaranse carpas en diferentes puntos da cidade, sobre o “Plan de Xestión da materia...

Por Chantada demanda equipamento para emerxencias acuáticas nos Parques de Bombeiros

A Moción do grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo para a mellora...