HomeCultura“Seguimos sendo Ergueitos, pero máis Ergueitas”, María Casar, presidenta de Ergueitas

“Seguimos sendo Ergueitos, pero máis Ergueitas”, María Casar, presidenta de Ergueitas

A Agrupación Cultural Ergueitas, da comarca de Sarria, naceu no 76 co nome de A.C. Ergueitos. No 2000, poñía en marcha o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, en homenaxe ao autor de Lóuzara e desde aquela todos os seus esforzos se concentran en seguir poñendo en valor a figura do Fiz e da súa obra. Neste mes de novembro a asociación tivo unha intensa actividade coa entrega do premio e co cambio de nome, porque agora a asociación é Ergueitas. Conversamos coa súa Presidenta, María Casar.

Publicado o

- Advertisement -

Nesta maioría de idade do Premio Fiz Vergara Vilariño, “As voces ágrafas” de Emma Pedreira que xa conseguira o premio fai 13 anos, coa obra “Casa de orfas”, foi o traballo gañador. Este concurso literario é un dos máis importantes de Galicia, pola traxectoria, pola calidade e número de participantes e polo propio premio. Emma Pedreira, que competía con 70 traballos máis, recibía como galardón unha peza do artista sarriano, Paco Roy, a publicación do poemario por Espiral Maior e un premio en metálico de 6.000 euros.

Dentro dos certames de poesía que se celebran en Galicia, onde colocamos o Fiz Vergara?

De primeiros con outros dous ou tres que teñen tamén unha dotación económica importante e o mesmo prestixio. Aí estamos no cumio que é un lugar impoñente e podemos estar aí grazas á colaboración da área de cultura do Concello de Sarria. As distintas corporacións, de diferentes signos políticos, implicáronse desde o primeiro momento. É un premio de Sarria para o seu poeta. É moi bonito e moi satisfactorio que se manteña no tempo e que cada corporación o manteña como seu. Xa é unha bandeira do Concello de Sarria.

Entrega do Fiz Vergara 2018 con María Casar (terceira pola esquerda) / A.C. Ergueitas

Como foi evolucionando o premio e o perfil dos participantes nestes 18 anos?

O premio foi medrando, aumentou a dotación económica e pasouse de ser un premio máis comarcal a irse coñecendo en toda Galicia. Consolidámonos ano a ano e converteuse nun referente da cultura galega e no mundo da poesía. As grandes poetas galegas preséntanse, este ano gañou Emma Pedreira, que se leva todo, o Xerais; fai 13 anos o Fiz Vergara. Emma é unha poeta de moito calado e esto dá conta da vitalidade do premio.

Ademais buscar xurados para este certame é sempre moi doado, sempre nos dín que é moi gustoso traballar neste premio, a xente que se presenta ten moitísima calidade. Para nós é unha satisfacción enorme e estamos moi, moi contentas.

O premio cumpriu a maioría de idade, pero cando naceu Ergueitos e por que ese nome?

Naceu no 76, daquela eu non estaba, pero era un nome moi acaído a ese momento, na transición, despois da dictadura de Franco. Unha maneira de reivindicar a cultura galega e estar postos en pé, un modo de poñela en valor. Penso que esa foi a motivación deste nome.

Roteiro do Fiz Vergara en Lóuzara, Veiga de Fía – Eduardo Valiña / A.C. Ergueitas

No 98 falecía o Fiz, e no 2000, a proposta túa creouse o premio de poesía que levaría seu nome. Que outras actividades desenvolve a asociación?

Sarria ten moita actividade, hai asociacións de todo tipo, teatro, cogumelos e actividades na natureza, musicais, deportivas,… Nós especializámonos no Fiz e desenvolvemos iniciativas sobre a súa figura e obra.

En marzo do 2010 inauguramos un roteiro sobre o Fiz no Val de Lóuzara, un percorrido de 8 quilómetros con 13 intervencións de 13 artistas plásticas galegas. Cada peza está baseada nun poema do Fiz. Démoslles total liberdade e crearon de todo, en madeira, en bronce, aceiro pendurado duns castiñeiros,… é moi variado, moi bonito. É unha proposta moi didáctica, os centros de ensino fan visitas e dámoslles información da xénese de cada unha das pezas e sobre os poemas do Fiz nas que están baseadas.

Escultura e paisaxe, vangarda e natureza, poesía,… un roteiro para non perderse?

Paisaxísticamente a riqueza natural do Val de Lóuzara é impresionante, os costumes da vida no rural, as tradicións e con todo eso a escultura máis vangardista. Hai pezas espectaculares, como a de Mónica Alonso que fixo unha cama a escala da cama do Fiz e colocouna na fonte da Cova destrás dun muíño. O Fiz fixera un libro adicado a este muíño, “Poeta muiñeiro á deriva”, era un muíño ao que adoitaba ir.

Roteiro do Fiz Vergara en Lóuzara A Fonte da Cova – Mónica Alonso / A.C. Ergueitas

Hai obras de Paco Pestana, de Caxigueiro, de Álvaro de la Vega, Fernando Yáñez, Eduardo Valiña, Violeta Bernardo,….Temos un elenco de persoas que fixeron que este roteiro sexa especial.

Tratábase de sacar a poesía das follas dos libros, porque ás veces á xente resúltalle difícil achegarse a ela,… Deste modo colocamos a poesía no medio do Val de Lóuzara, para que a xente que camiñe por aquí poida achegarse a ela dunha maneira moito máis fácil.

Coa maioría de idade do premio pasades a chamarvos Ergueitas, por que?

En principio non ten que ver cos anos. Fixémolo asembleariamente, nestes días, e agora toca facer o cambio con todo o que supón, estatutos e demais. Tomamos esta decisión porque seguimos sendo Ergueitos, pero máis Ergueitas.

Ao longo dos anos a sociedade foi poñendo nomes máis masculinizados que feminizados. Se somos máis dun cincuenta por cento da poboación, temos que ser visibles incluso nos nomes; de empresas, asociacións, rúas,… Normalizar a presenza do feminino na nosa  sociedade. Creo que unha maneira de facelo é esta de cambiarnos o nome, na propia directiva somos máis mulleres que homes. Formamos parte da sociedade e temos que visibilizarnos, é unha reivindicación.

E, en breve, xa serán 20 anos do Certame Fiz Vergara Vilariño. Tedes pensado algo especial para o 20 aniversario?

Pois aí estamos, si. Esperamos engadir alguna peza ao roteiro. Queremos que o roteiro sexa algo vivo e dinámico. Xa houbo artistas que nos dixeron que lles gustaría facer algunha intervención. Colocar unha peza require moito esforzo, perdir permisos, todo un proceso bastante lento e estamos comezando xa a perfilar o que queremos facer para ese 20 aniversario.

Roteiro do Fiz Vergara Muíño de Locai – Álvaro de la Vega / A.C. Ergueitas

ÚLTIMAS

O Colectivo Vermut ‘ao rescate’ do San Xoán dos Chaos, en Monforte

Moitas celebracións populares van a menos, e incluso pérdense, por falta de relevo xeracional....

5 piragüistas do Quixós convocados para o Europeo de Suiza

Este xoves, 20 de xullo, a Real Federación Española de Piragüismo deu a coñecer...

As Festas de San Xoán de Sarria máis inclusivas

Falamos con María Eugenia Valcárcel López, concelleira de Festas no Concello de Sarria, para...

Vasoira de Platino para Monforte pola implantación do Plan de xestión da materia orgánica

A cidade de Monforte de Lemos recibiu un galardón que se lle concede ás...