Este venres presentouse no Auditorio de Chantada o proxecto do Museo de Manuel Jorge, ubicado na Praza de España da vila do Asma. O museo plantéxase con vocación de ser Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra.
«Vai ser un espazo no que Manuel Jorge sentiríase na casa». Así resumía Xoel Rey, de Estudio X+P, a filosofía e estética do futuro museo. Rey forma parte, xunto con Patricia Ocampo, Marta Marcos e Baltasar Otero, do equipo de arquitectura que deseñou a reforma da casa que a Asociación Amigos de Manuel Jorge adquiriu na Praza de España para ser convertida en museo. No centro do proxecto está o legado que o arquitecto e artista deixou á asociación chantadina, pero coa intención de que exerza de Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra. Así o destacou a presidenta do colectivo, Mercedes Vázquez, quen adiantou que o seu cometido será o de «potenciar as artes plásticas, o contacto da xuventude coa creación e a atracción de ideas e talento ao rural».
Ao acto de presentación acudiu un cento de persoas da comarca de Chantada. Déronse a coñecer as intencións de acción cultural e a proposta arquitectónica do museo, finalizando cunha visita ao edificio para coñecer in situ a súa potencialidade.
Para o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, trátase dunha oportunidade para crear un espazo dedicado á arte contemporánea que será único na Ribeira Sacra e que «pode contribuir á súa declaración como Patrimonio da Humanidade». Ademais de Varela, estiveron no acto Iria Otero, responsable de Cultura da Deputación de Lugo e o delegado territorial en Lugo da Xunta de Galicia, Javier Arias, quen destacou o interese da Consellería de Cultura polo proxecto. Arias afirmou que a iniciativa será un impulso importante para o protagonismo cultural da vila dentro dunha comarca que aspira a ser Patrimonio da Humanidade. Pola súa banda Iria Otero reafirmou o compromiso da institución con Manuel Jorge, lembrando a exposición retrospectiva feita no Museo Provincial no 2018 e que foi o xerme da conservación das súas pinturas en Chantada.
Para pechar o acto, realizouse un coloquio con axentes dinamizadores da zona no que participaron Noa López, xestora cultural e coordinadora de Raizames, Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, e mais Suso Mazaira, da queixería Airas Moniz. Ambos proxectos, con fortes vínculos co territorio, serviron para exemplificar a intención da Asociación Amigos de Manuel Jorge de establecer alianzas e colaboracións cos proxectos culturais, económicos e sociais xa existentes e que, en palabras da presidenta do colectivo «terán a súa casa neste museo».
Museo Manuel Jorge / Asoc Amigos de Manuel Jorge de Chantada
O futuro Museo Manuel Jorge ocupará un edificio histórico de dúas plantas e baixo cuberta. Na planta baixa, á que se accede dende a praza, haberá un sala de exposicións, unha recepción e tres aulas para impartir talleres de artes plásticas e artes dixitais. Na primeira planta haberá outro gran espazo expositivo, unha sala de conferencias e proxeccións, a recreación do estudio de Manuel Jorge, e mais unha biblioteca e sala de investigadores. O baixo cuberta estará dedicado a oficinas e depósito de conservación da obra.
Manuel Jorge e o seu museo
Ademais de pintor, Manuel Jorge (Chantada, 1929 – Xàbea, 2020) era arquitecto, e de feito esa foi a súa profesión durante os máis de de trinta anos que vivíu en Xàbea, Alacante. A pintura era para el unha paixón privada, exercida na intimidade do seu estudo, e non foi ata a súa vellez que decidiu amosala. Por iso foi clave para os arquitectos visitar Xàbea e a súa impronta na arquitectura da zona, atopando os puntos en común entre dúas estéticas, a mediterránea e a galega, que de entrada poden parecer distantes. A arquitecta, Marta Otero, sinalou que esa conexión existe, non só na plástica, se non tamén nos materiais e na filosofía da construcción, empregando «materiais que agora chamamos de quilómetro cero».
Así, as influencias mediterráneas no proxecto estarán na fachada, onde se recuperará o encalado tradicional que aínda se distingue nas fotos históricas da praza, e as carpinterías empregarán a cor azul, tan presente na pintura de Manuel Jorge e nas casas de aldea galegas. No acceso principal, farase unha intervención con estruturas de liñas rectas e volumes combinados en cor terra que lembran á arquitectura racionalista da súa última etapa. E na primeira planta, a cuberta disporá dunhas celosías inspiradas tamén nas súas construccións.
Trala finalización do evento, conducido pola xestora cultural e xornalista Cristina de la Torre, o entusiasmo dos asistentes foi palpable, insistindo na fermosura da idea e nas súas posibilidades. Dende a Asociación destacaron que xa dispoñen da licencia municipal de obra e todos os permisos de Patrimonio, agradecendo a boa dispoñibilidade do Concello de Chantada para axilizar os trámites. Os traballos, que se prolongarán durante meses, arrancarán nas próximas semanas cos fondos propios do colectivo deixados por Manuel Jorge para este cometido, se ben para completar o proxecto precisarán o apoio das administracións.
Museo Manuel Jorge / Asoc Amigos de Manuel Jorge de Chantada