A Concellería de Cultura do Concello de Ribas de Sil ofrecerá de outubro a decembro 7 propostas escénicas para que veciñas e veciños podan gozar do teatro, tanto profesional como afeccionado. Todas as obras faranse no Salón de Actos do Concello de Ribas de Sil ás 19:00 h.
A presentación da programación do ciclo, bautizado como “Tardes de teatro no inverno”, será o 11 de outubro ás 19:00 h. no Salón de Actos da Casa do Concello. A continuación, terá lugar unha actuación de regueifas baixo o título de “Regueifa de Bergantiños a Ribas de Sil e Quiroga” a cargo de Lupe Blanco e Suso de Xornes. Esta actividade está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Ribas de Sil e Quiroga contando cunha subvención da Xunta de Galicia.
O 12 de outubro a compañía Teatro do Miolo levará a escena “Saíndo do cerco”, unha comedia de teatro profesional para todos os públicos.
Sinopse: Suso é un novo residente no centro de maiores. Pensa que por estar na última etapa da súa vida, esta xa non merece ser vivida. Amalia, unha compañeira de residencia, pode ser a peza que faga dar un xiro aos acontecementos facendo que Suso atope o sentido da súa vida.
E xa para o 19 de outubro, outra oportunidade de gozar do teatro profesional, pero nesta ocasión en Santiago de Compostela. Dentro do Ciclo “Autobús do teatro” a xente inscrita previamente viaxará de Ribas de Sil a Santiago para ver ás 18:00 h. a obra “Terceiro Acto” do Centro Dramático Galego no Salón Teatro. Con esta iniciativa, subvenciónase a viaxe en autobús e os espectadores só pagarán os 5 € da entrada.
PROGRAMA PARA NOVEMBRO
O día 2, o Salón de Actos da Casa do Concello acolle a obra, “As mentiras teñen os pés pequenos”, unha comedia para todos os públicos interpretada pola compañía Pico do Castro, de teatro afeccionado.
Sinopse: Despois de entrar por erro nunha habitación que non é a súa, Bieito atópase sen querer en posesión dun obxecto bastante comprometido, unha bota de muller e non dunha muller calquera… a bota pertence nada menos que á dona do belicoso coronel León! Agora Bieito terá que agudizar o enxeño para pasarlle a outro incauto a responsabilidade do asunto, quedando así libre de sospeita e de varios balazos no corpo.
O 30 de novembro chega a Ribas de Sil outra peza de teatro afeccionado, “De poucas luces” da compañía O Centiño.Indicada para todos os públicos.
Sinopse: O Nadal é tempo de paz, de esperanza, de felicidade, ilusión e luz. Frei Bombilla, o abade do Mosteiro da Luz é consciente disto e, coa axuda de Sor Luminiscencia, abadesa do Mosteiro do Resplandor, organiza o Primeiro Concurso de Luces de Nadal. O colorido, a intensidade, a brancura, incluso a luz da razón e a luz do corazón compiten por levar o premio, máis de novo triunfa o concursante máis inesperado. Paquiño sabe de verdade como iluminar o mundo.
PROGRAMA PARA DECEMBRO
O día 7 a compañía de teatro afeccionado Hipócrita Teatro interpretará “Arte”, unha traxicomedia para público maior de 12 anos.
Sinopse: Teo fíxose cunha pintura para a súa colección particular. O problema é que onde el ve unha sublime obra de arte contemporáneo, Carlos ve un simple cadro branco e Iván réstalle importancia á polémica. Esta é unha obra construída con personaxes que se amosan pouco a pouco ata adquirir unha complexidade insospeitada e que, entre risas, moitas risas, son quen de transmitirnos unhas cantas cousas nada banais sobre nós mesmos.
Como remate ao ciclo, o 28 de decembro a compañía Trípode de teatro afeccionado presenta “O Muro”, unha comedia para todos os públicos.
Sinopse: Dona Dorotea é unha muller egoísta e terrible. Propietaria de numerosos bens, teme ser asaltada e roubada por xentes que veñan doutros países. Por iso, encárgalles a Luisete e a Pacón, dous albaneis de pouca monta, que constrúan un muro arredor da súa finca que impida o paso a todos aqueles que poidan roubarlle. Pola finca de dona Dorotea desfilan diverso inmigrantes, moi diferentes, mais con algo en común: a pobreza e as ansias de atopar unha vida mellor. Como alegorías dos diversos pobos maltratados e pobres do mundo, os inmigrantes fan palpable a inxustiza da desigualdade e do racismo.
O ciclo teatral conta co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.