Os días 27 e 28 de xuño, o Parador Nacional de Turismo de Monforte de Lemos acollerá os cinco foros profesionais que articularán o núcleo temático do encontro. Nestes espazos de diálogo abordaranse cuestións claves como a cooperación institucional, a financiación de proxectos culturais, a sostenibilidade nos modelos de negocio creativos, o turismo cultural innovador e o impulso ás industrias culturais no medio rural.
O domingo 29 estará adicado a vivir o territorio, cun percorrido pola riqueza paisaxística, patrimonial e enogastronómica da Ribeira Sacra. As actividades inclúen visitas a adegas tradicionais, unha ruta polo Románico da Ribeira Sacra, e unha travesía en catamarán, que pechará o encontro conectando paisaxe, cultura e comunidade.
A Tenente Alcalde, Gloria Prada, acompañada pola Presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, presentaron este martes, día 24 de xuño, o Encontro Nacional de Emprendedores Creativos. A iniciativa está promovida pola Asociación España Creativa e a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España (RECITCREA), no marco do proxecto Camiño Creativo de Santiago 2025.
A rede traballa en fomentar a creatividade e a innovación, desenvolvendo plans estratéxicos de recomendacións para a transformación das cidade e territorios de España en cidades e territorios creativos e innovadores. A finalidade é contribuir a mellorar a xestión da diversidade cultural de España e a súa cohesión social, potenciando a innovación como modelo de desenvolvemento, e o turismo cultural e creativo.
“Sendo conscientes de que este encontro é importante para Monforte de Lemos e para a Ribeira Sacra- continuou a explicar Gloria Prada -dende o minuto un, o Alcalde de Monforte, D. José Tomé Roca, decidiu contribuír de forma especial coa Asociación, destinando unha partida de 5000€ para o desenvolvemento desta iniciativa, conscientes de que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra, lugares onde se conxugan, patrimonio, cultura, paisaxe, auga e gastronomía, son escenarios únicos e idóneos para levar a cabo este tipo de encontros”.

O encontro representa unha aposta decidida por fortalecer o emprendemento cultural e creativo como motor da transformación do territorio, especialmente en contextos rurais e con gran valor patrimonial e paisaxístico como a Ribeira Sacra e a súa vocación é ser un espazo de reflexión e acción sobre o papel estratéxico da cultura, a creatividade e o emprendemento na rexeneración social, económica e medioambiental.
Durante catro días, institucións públicas, espazos de creación, empresas, emprendedores, creadores, redes culturais e cidadanía, reuniranse nun programa diverso que combinará foros de diálogo, mesas redondas, actividades formativas, visitas a recursos culturais, experiencias no territorio e unha gala final onde se entregarán os Premios España Creativa – Rede Eléctrica.
A Ribeira Sacra convertirase así en punto de encontro de talento, ideas e compromiso, reafirmando que a cultura non é soamente un espazo de evasión, se non unha ferramenta viva, xeradora de impacto, diferenciación, cohesión e visión de futuro.
Premios España Creativa / Camiño Creativo de Santiago
España Creativa abriu unha convocatoria pública para seleccionar ata 12 proxectos emprendedores no sector das industrias culturais e creativas. Estes 12 proxectos emprendedores presentaranse no Encontro o sábado 28 de xuño e optarán aos Premios España Creativa-Rede Eléctrica por un total de 17.100€. Estes proxectos recibirán unha axuda de 500 €, e optan aos seguintes Premios:
- Un Premio de 3.000 euros en efectivo ao mellor proxecto presentado atendendo aos criterios de avaliación e finalidades da convocatoria.
- Tres becas de formación no Camiño Creativo de Santiago 2025, que cubrirán os custos de aloxamento e media pensión do 15 ao 25 de xullo (750 euros c/o) desde Monforte de Lemos a Santiago de Compostela. Ao longo destes 10 días recibirán formación, mentorías, charlas con profesionais, sesións de networking e realizarán visitas culturais técnicas que lles axudarán a desenvolver o seu plan de negocio.
- Unha Beca Cátedra UNESCO en Economía Creativa para o Desenvolvemento Sostible valorada en 6.000 euros de matrícula para cursar o Máster en Economía Creativa da Universidade Rey Juan Carlos.
O segundo gran eixo deste programa do Camiño Creativo de Santiago, é a viaxe que realizan os emprendedores creativos polo Camiño de Inverno, do 15 ao 25 de xullo, desenvolvendo o seu Plan de Negocio. Esta iniciativa que celebra este ano a súa terceira edición, reunirá ata 20 emprendedores que camiñarán 133 quilómetros do Camiño de Inverno, desde Monforte de Lemos a Santiago de Compostela, combinando o desenvolvemento do seu plan de negocio coa vivencia colectiva e cultural do Camiño. Os participantes recibirán formación específica en economía creativa, modelos de sustentabilidade, branding, acceso a financiamento e xestión de proxectos, ademais de sesións de mentoría con referentes do sector. Durante as etapas, tamén presentarán as súas ideas ante expertos e axentes do territorio. Esta Convocatoria dirixida a Emprendedores Creativos estará aberta ata o 30 de xuño.