HomeCulturaRibas de Sil presenta unha ampla e variada oferta cultural para o...

Ribas de Sil presenta unha ampla e variada oferta cultural para o verán

Contémplanse actividades para todos os públicos e pensadas tanto para a veciñanza como para as persoas da contorna e outras que veñen durante os meses estivais. Este ano destaca, como novidade, unha iniciativa cultural baixo o título 'Conversas de verán' a cargo do mestre local Manuel Cao.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A programación cultural e de lecer 2025 do Concello de Ribas de Sil abrangue desde o 19 de xullo ata o 20 de setembro e contará con propostas variadas que combinan tradición, entretemento e posta en valor da historia local.

Un dos eixos principais da programación está formado por actividades familiares organizadas en colaboración co programa Galescena da Axencia Galega das Industrias Culturais. Deste xeito, a Concellería de Cultura informa que haberá contacontos, monicreques, teatro infantil e circo con propostas como Home Orquestra, Duende Circo (25 de xullo), Cé Orquestra Pantasma (26 de xullo) ou O Grúfalo (2 de agosto).

Actuación no anfiteatro da Praia Fluvial. Foto: Anxo Moure

Estas actividades desenvolveranse, como xa é tradicional, no anfiteatro da Praia Fluvial, o escenario ideal para as tardes de verán, ao aire libre, a carón do río e cunha configuración que se presta a gozar das propostas escénicas. Serán todos ás 20:00 horas.

A música tamén estará presente con propostas como o concerto do grupo Gin Toni’s o 24 de xullo ás 23:30 h na praia fluvial, así como actuacións de orquestras e música en directo para todas as idades.

Concerto dos Gin Toni’s. Foto cedida.

As festas de verán, que se celebrarán do 14 ao 17 de agosto, contarán cunha programación especial que se anunciará proximamente nas redes do Concello.

CONVERSAS PARA POÑER EN VALOR A HISTORIA LOCAL

Como novidade deste ano, a Concellería de Cultura pon en marcha as “Conversas de verán”. Trátase duns encontros ao pé do Sil, na área exterior da Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio, e sempre ás 21:00 horas. Estas conversas, dirixidas polo mestre local Manuel Cao, están pensadas para xerar un espazo de participación cidadá, de lembranza e posta en común de historias locais. Terán unha duración aproximada de 45-50 minutos.

A axenda para esta actividade será a seguinte:

A historia do ferrocarril en San Clodio (23 de xullo).

A memoria da praia fluvial e acontecementos históricos (31 de xullo).

A relación da familia Batanero co pobo de San Clodio (22 de agosto).

O accidente do Salto (4 de setembro).

Completan a oferta cultural deste verán as visitas guiadas ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana (sábados e domingos ás 12:00 e 14:00 h) e os campamentos de verán para nenos e nenas durante a semana, dos que se pode obter máis información no Concello.

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...