O BNG de Monforte denuncia a falta de actuación do Goberno municipal ante o estado de numerosas árbores situadas nas marxes do río Cabe, despois de que a pasada fin de semana unha gran póla dun chopo caese sobre o embarcadoiro do Parque dos Condes, provocando danos na súa estrutura.
A formación nacionalista lembra que o pasado 25 de setembro presentou formalmente un rogo ao pleno municipal solicitando o saneamento das árbores que estaban a piques de caer, “tivo que caer unha gran póla sobre unha instalación utilizada pola veciñanza para demostrar que as nosas advertencias estaban fundamentadas. O máis preocupante é que poderiamos estar falando de danos persoais e non unicamente materiais”, lamenta Manuel Luaces, concelleiro do BNG en Monforte.
Luaces critica a actitude do Goberno municipal, “Non se pode gobernar ignorando os problemas que se trasladan desde a oposición, especialmente cando está en xogo a seguridade das persoas”. O BNG reclama ao Goberno municipal unha inspección urxente do arborado das marxes do Cabe, a intervención sobre os exemplares que presenten perigo e a reparación dos danos ocasionados no embarcadoiro.

Árbore caída / XdL

