InicioCulturaSarria reactiva a actividade da Aula CeMIT

Sarria reactiva a actividade da Aula CeMIT

A aula da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Sarria volve abrir as súas portas co obxectivo de acadar a integración dixital dos seus veciños e veciñas. Nos vindeiros días o concello dará a coñecer a nova programación de cursos e actividades.

Publicado o

- Advertisement -

O Concello de Sarria quere reducir a fenda dixital de acceso ás novas tecnoloxías da información e a comunicación e para iso decidiu reactivar as prestacións que ofrece o CeMIT. Trátase dun proxecto que puxo en marcha no seu día a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia -AMTEGA- da Xunta de Galicia, proxecto que actualmente forma parte da Axenda Dixital de Galicia 2020 co horizonte posto en acadar unha converxencia tecnolóxica con Europa para ese ano.

Os obxectivos principais son dotar, neste caso concreto, aos cidadáns de Sarria duns coñecementos dixitais básicos para aprender e abordar con total confianza e normalidade o uso das novas tecnoloxías.

Mentres non comece a nova programación de cursos e actividades, que se fará pública en breve, as usuarias e usuarios poden facer uso das instalacións e dispoñer dos equipos para uso libre todos os días pola mañá en horario de 10:30 a 13:30 h. e ás tardes dos luns, xoves e venres das 16:00 a 18:45 h.

O obxectivo da Rede CeMIT é vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial alí onde a fenda dixital se fai máis evidente. Para acadar este fin o servizo ten que impulsar, potenciar e difundir os coñecementos sobre as tecnoloxías e a comunicación entre a cidadanía.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre futuras actividades e cursos o concello informa que as interesadas e interesados poden dirixirse á Aula CeMIT que está na planta baixa da Casa da Cultura de Sarria (Rúa Marqués de Ugena s/n) ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.sarria@xunta.gal ou consultar nas páxinas web da rede CeMIT e do Concello de Sarria.

A rede caracterízase por ofrecer actividades formativas no eido da alfabetización e a capacitación dixital así como a innovación social dixital. Conta coa colaboración de máis de noventa concellos galegos e case cen aulas chegando a todos os puntos da xeografía galega.

Todas as aulas están equipadas coa última tecnoloxía, conexión a internet e sistemas de videoconferencia.

 

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...