Filomena Arias, coñecida como “A Bruxa de Torbeo” é unha figura popular que marcou a memoria colectiva de Ribas de Sil e contorna. Dela escribiu no seu día o xornalista Ángel Arnaiz que “Filomena Arias Armesto, coñecida popularmente como ‘a meiga de Torbeo’, foi un singular caso de curandeirismo e adiviñación na Galicia no século XX. A súa sona foi tal que, a Torbeo, pequena aldea do Concello de Ribas de Sil, acodían xentes de toda a xeografía galega, León, Ponferrada e Asturias, na busca dos seus milagreiros remedios e das súas visións”. Arias foi desterrada a Monforte no ano 1936 e no 1938 morreu na Pobra do Brollón.
Pois ben, para honrar a súa figura, a Asociación de Veciños de Torbeo e o Concello de Ribas de Sil organizan unha xornada cultural o vindeiro sábado 18 de outubro cun amplo programa de actividades con visitas, actividades divulgativas, charlas, entrega dos premios do I Concurso Literario Filomena Arias, magosto popular e actuacións musicais.
PROGRAMACIÓN
A programación empeza o sábado 18 ás 10:00 h. cun paseo dende a antiga escola de Torbeo ata o meandro da Cubela, para despois, ás 10:45 h., gozar dunha visita guiada ao Centro de Interpretación do Río Sil que acolle tamén esta aldea.

Ás 11:15 h. será a inauguración propiamente dita desta xornada cultural e a continuación haberá unha mesa redonda dedicada á Bruxa de Torbeo que contará coa intervención de Carolina Martínez, herbeira e veciña de Torbeo á que entrevistamos neste medio no ano 2023, e o mestre e escritor local Manuel Cao.
Ás 13:15 h. terán lugar un percorrido guiado por José Antonio Álvarez polos lugares de Torbeo vinculados aos episodios máis significativos da biografía de Filomena Arias –entre eles, o exorcismo que lle foi practicado–, así como unha mostra documental na que se poderá ver, entre outros materiais, a copia da partida bautismal con anotacións realizadas polo crego da época, testemuño da sona que alcanzou.
Entre as 14 e as 16:00 h. haberá unha comida popular e a partir das 17:00 h. a presentación do libro “Amanda” de Rosa Marina González Quevedo.
O programa, completase coa entrega do premio literario Filomena Arias ás 18:00 h., e a continuación magosto, queimada, música tradicional con Son do Pucheiro e ás 19:30 h. concerto a cargo do cantautor “Peitoescuro”.

