Nova cita co teatro este xoves, 19 de febreiro ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos. A función, organizada polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, é “Memorias dun neno labrego”, unha nova adaptación teatral da emblemática novela do escritor Xosé Neira Vilas.
Coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, esta proposta rende homenaxe á figura de Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no 65º aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”.
Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, o elenco artístico conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos.
A taquilla estará aberta no propio Multiusos dende ás 19.00 horas cos prezos habituais 5€ para o público xeral e 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
As lembranzas de Balbino preséntanse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público. Así, Balbino narra con mestría a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir do seu destino.
Completan o equipo Pablo Giráldez na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, traballando man a man co persoal técnico do Centro Dramático Galego.

Próximas citas co teatro no Edificio Multiusos
- 26 de febreiro: “As desterradas”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval.
- 12 de marzo: “A Historia vaxenial”, de Artyc Content. Obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi gañadora dun Mestre Mateo.
- 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
- 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
- 26 de abril: “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.
Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

